A Xunta lembra que o proxecto do colector principal da marxe esquerda do río Sardiña, en Ferrol, xa está en redacción
O contrato foi adxudicado a comezos de marzo e supón un investimento de máis de 17.500 euros
O colector-interceptor verterá á rede de saneamento da Malata que está a levar a cabo a Xunta e xa supera o 50% de execución
O proxecto definirá as actuacións necesarias para a mellora das infraestruturas de saneamento nesa zona e evitar vertidos incontrolados ao río e á súa contorna
Augas de Galicia dispón de partida orzamentaria para a mellora do saneamento do rural pero cómpre que o Concello consigne os fondos necesarios para asumir a parte que lle corresponde
A Xunta lémbralle ao Concello de Ferrol que xa está a redactar o proxecto do colector principal na marxe esquerda do río Sardiña e que Augas de Galicia dispón da partida orzamentaria para a mellora do saneamento do rural pero leva agardando meses a que o Concello consigne os fondos necesarios para asumir a parte de financiamento que lle corresponde.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou o contrato de redacción do colector do río Sardiña a comezos de marzo á empresa Proyfe, S.L. cun investimento autonómico de 17.500 euros. O prazo de execución estimado é de 10 semanas pero, como todos os contratos públicos, viuse afectado pola suspensión motivada pola declaración do estado de alarma e puido ser reactivado tras declarar o Consello da Xunta o seu carácter esencial.
Os traballos consisten na elaboración do proxecto construtivo do colector-interceptor da marxe esquerda deste río, no tramo A Malata e Ponte da estrada da Malata. O interceptor verterá á rede de saneamento da Malata que está a desenvolver na actualidade Augas de Galicia e cuxas obras superan xa o 50% de execución. O contrato deseñará as actuacións necesarias para repoñer e ampliar os colectores de saneamento máis precarios nesta zona para evitar vertidos incontrolados ao río Sardiña e a súa contorna.
En canto á mellora do saneamento do rural, Augas de Galicia dispón de partida orzamentaria nas súas contas de 2020 e leva agardando meses polo Concello, que non achegou a documentación necesaria nin ten partida consignada para asumir a parte de financiamento que lle corresponde para acometer a mellora do saneamento, que é de competencia e responsabilidade municipal.