A Xunta autoriza desde hoxe as visitas dun familiar de nenas e nenos en centros de menores
Estarán supervisadas por un adulto e terán unha frecuencia que oscilará entre unha visita semanal ou quincenal
Durante estas visitas garantiranse todas as medidas preventivas conforme indiquen as autoridades sanitarias
A Xunta autoriza desde hoxe as visitas dun familiar nestes centros. Unha medida que procura que os nenos, nenas e adolescentes destas instalacións recuperen o contacto persoal coas súas familias, atendendo ás medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias.
Estas visitas serán supervisadas para garantir o distanciamento social e a correcta aplicación das medidas hixiénicas. Terán unha duración máxima dunha hora e cunha frecuencia que oscilará entre unha vez á semana ou cada quince días, en función do que cada centro considere necesario para garantir o dereito a visitas.
Con carácter previo, o centro contactará coa familia co fin de informar sobre o estado de saúde das persoas que constitúen a unidade de convivencia. No caso de que algún membro da unidade de convivencia presente sintomatoloxía, non poderá realizar a visita. Ademais, poderanse limitar as visitas de persoas consideradas grupos de risco ante o COVID-19. Así mesmo, estes encontros terán lugar en zonas apartadas ou inmobles anexos.
As nenas e nenos destes centros poden realizar saídas para realizar actividade física non profesional ao aire libre, sempre en coordinación por parte dos responsables dos centros e garantindo as condicións de prevención.