A Xunta destinará 8 millóns de euros ás axudas extraordinarias ao alugueiro para persoas vulnerables por causa do COVID-19

Feijóo afirma o Goberno galego xa indicou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que a dotación orzamentaria resulta claramente insuficiente para atender o volume de potenciais beneficiarios

Destaca tamén a decisión da Xunta de prolongar ata finais de 2020 a súa axuda extraordinaria aos beneficiarios do Bono de alugueiro social

Por outra banda, no eido económico, resalta a posta en marcha do Plan de transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio galego que mobilizará 40 M€
 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe un orzamento de 8 millóns de euros ás axudas extraordinarias ao alugueiro destinadas a persoas en situación de vulnerabilidade por causa do COVID-19.

Se ben esta contía inicial permitirá outorgar case 3.500 axudas, Feijóo aseverou que o Goberno galego xa indicou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que a dotación orzamentaria resulta claramente insuficiente para atender o volume de potenciais beneficiarios.

Así, para financialas o Goberno central acaba de transferir á Xunta 5,7 millóns do fondo adicional previsto no propio decreto, e o resto do financiamento, ata chegar aos 8 millóns cos que sairá inicialmente a convocatoria, corresponde a contías do Plan de Vivenda que aínda non estaban comprometidas pola Xunta.

Os beneficiarios destas axudas para vivenda habitual e permanente deberán acreditar a situación de vulnerabilidade, segundo os criterios fixados polo Goberno do Estado. É dicir: estar en situación de desemprego, ERTE ou ter visto reducida a súa xornada cunha perda substancial de ingresos desde a declaración do estado de alarma e ata un mes despois da súa finalización.

Os ingresos non poden alcanzar o límite de 3 veces o IPREM –aínda que este límite pode aumentar debido a diversas circunstancias -fillos a cargo, maiores de 65 anos, discapacidade, etc–. E o importe da renda do alugueiro e dos gastos básicos deben supoñer o 35% ou máis dos ingresos da unidade familiar.

A contía desta axuda será como máximo 500 euros mensuais, sen que en ningún caso poida exceder o importe total da renda do contrato. Así mesmo, a axuda concederase polo prazo no que se acredite estar en situación de vulnerabilidade como consecuencia do COVID-19 e, en todo caso, por un máximo de 6 meses, e polo tanto por un máximo de 3.000 euros en total –podendo incluírse como primeira mensualidade a correspondente a abril sen que en ningún caso se concedan axudas que excedan da anualidade 2020–.

Prolongación da axuda extraordinaria aos beneficiarios do Bono de alugueiro social
Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou tamén a decisión da Xunta de prolongar ata finais de 2020 a súa axuda extraordinaria ás familias galegas que actualmente son beneficiarias do Bono de alugueiro social ou que nos próximos meses o soliciten e se incorporen ao programa. Deste xeito, estímase que unhas 1.000 familias non terán que aboar nada pola renda da súa vivenda durante o que resta de ano. Ao que se engaden outras 3.500 familias que ocupan vivendas de promoción pública en réxime de aluguer e que verán posposto o pago desde aluguer ata que finalice o estado de alarma.

Máis de 23 millóns para a transformación dixital das pemes e do comercio galego
No eido económico, Feijóo resaltou a posta en marcha do Plan de transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio galego. Unha iniciativa que, dotada con 23,5 millóns de euros, mobilizará 40 millóns, co obxectivo de facilitar a reactivación e incrementar a competitividade, adaptándose ao novo contexto.

O programa terá en conta de maneira especial as necesidades do sector comercial en xeral, do tecido empresarial situado no ámbito rural e o impulso do teletraballo. Así, destinaranse 7 millóns de euros á dixitalización do tecido empresarial galego, que permitan avanzar na implantación do teletraballo e a iniciativas no medio rural ou na economía social.

Reforzarase tamén o programa Galicia Exporta Dixital, que contará cun orzamento de 6 millóns de euros e destinaranse 4 millóns a impulsar a innovación e a dixitalización do comercio de proximidade galego. Estas tres convocatorias súmanse á orde de arredor de 6,5 M€ do plan de dixitalización para pemes e autónomos.

 

Imaxes relacionadas