A Xunta realiza obras de mellora da mobilidade e a estética da ponte de Portomarín, cun investimento de 135.000 euros
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explica que se completarán neste mes os traballos de repintado de varandas e farolas, substitución de barreiras de contención de vehículos e control de elementos de seguridade, entre outros
Afirma que está moi avanzando o procedemento de licitación da senda peonil e ciclista, que conta cun orzamento de 284.500 euros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de mellora da estética e a seguridade da ponte de Portomarín, na estrada autonómica LU-633, ás que destina un orzamento de 135.100 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que está previsto rematar os traballos a finais de mes. Comezaron co arranxo e pintado das varandas e farolas, en cor branca, e o control e reparación das xuntas de dilatación. Con posterioridade, vanse a substituír as barreiras de contención de vehículos, que separan a beirarrúa da calzada, por outras máis seguras para os peóns, sen remates cortantes e que harmonicen coa nova imaxe dos outros elementos metálicos.
Balseiro lembrou que a ponte empatará coa futura senda peonil e ciclista que a Consellería vai construír ao longo de 260 metros, dende este punto ata a baixada fronte ao albergue. Sinalou que xa está moi avanzado o procedemento de licitación desta obra, que conta cun orzamento de 284.565 euros e ao que concorreron dez empresas.
“Ambos proxectos -sinalou o delegado- supoñen un impulso cara a unha nova forma de mobilidade, máis respectuosa cos peóns e máis sustentable dende o punto de vista medioambiental, e tamén unha nova imaxe para esta zona pola que acceden á vila os peregrinos”.
Neste sentido, Balseiro subliñou que Portomarín é unha das paradas clave do Camiño Francés, e a Xunta está a desenvolver distintas iniciativas de mellora na vila de cara ao Ano Santo 2021. Entre elas, cabe destacar as obras de restauración da igrexa de San Xoán, adxudicadas en 248.500 euros.