Balseiro agradece o traballo das máis de 2.000 persoas voluntarias de protección civil da provincia “que realizan un labor fundamental na loita contra a pandemia”

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha reunión con representantes das 48 agrupacións da provincia para coñecer as súas achegas e necesidades

Desde o inicio da crise sanitaria e, ata o día de hoxe, os voluntarios e voluntarias levan realizado case un millar de operativos
 

Lugo, 14 de maio de 2020

O delgado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, agradeceu hoxe o traballo das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) que están a realizar –salientou– “unha contribución fundamental na loita contra a pandemia causada polo coronavirus”

Así llo trasladou hoxe ao presidente da Federación de Voluntarios de Protección Civil de Lugo, José Franco Criado, e a representantes de varias das 43 agrupacións lucenses, nun encontro por videoconferencia no que tamén se abordaron as achegas e necesidades deste colectivo.

Na reunión, ademais do delegado, estivo presente o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Ramón Carballo, o xefe provincial do Servizo de Emerxencias, Daniel Díaz e a xefa da área técnica, María José Nistal. Tamén representantes das agrupacións de Vilalba, Foz, Viveiro, Mondoñedo, Guitiriz, Sober e Ribas de Sil.

Cómpre lembrar que os integrantes das distintas agrupacións lucenses, como ás do conxunto da comunidade, están activados e a disposición dos seus respectivos concellos ou operativos de emerxencias “desde o principio do estado da alarma e tras a activación en Galicia do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga)”

Preto dun millar de operativos

De feito, as AVPC que están traballando sobre o terreo e levan realizado, a día de hoxe, case 1000 operativos (942 actuacións rexistradas) de todo tipo. A maioría destas accións consistiron no reparto de alimentos e medicamentos, así como visitas a persoas que viven soas para comprobar o seu estado, accións que se desenvolveron especialmente no rural. Tamén se ocupan doutras funcións como a desinfección de lugares públicos ou tarefas de apoio ás forzas e corpos de seguridade ou operativos sanitarios.

En definitiva, “un traballo imprescindible e insubstituíble que están realizando baixo a coordinación da Xunta”.

O delegado territorial destacou a importancia de todas estas accións e trasladou o apoio do Goberno galego aos voluntarios e voluntarias. Neste ámbito, destacou que o Goberno galego quixo colaborar realizando envíos periódicos de material de protección a todos os concellos -máscaras, guantes, traxes, elementos para desinfectar...porque é un persoal que “necesita estar protexido”.

Ademais, Balseiro recordou que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 12 millóns de euros en equipar estas agrupacións no conxunto da comunidade e brinda formación aos voluntarios a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
 

Imaxes relacionadas