A Xunta inicia hoxe as obras de instalación de iluminación na estrada PO-331 ao seu paso pola parroquia de Zamáns, no concello de Vigo
Estas actuacións contan cun investimento autonómico de preto de 27.000 euros
Trátase da colocación dunha columna de 9 metros de altura con luminarias LED, cunha separación entre elas de 30 metros de distancia
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, inicia hoxe as obras de instalación de iluminación na estrada PO-331 ao seu paso pola parroquia de Zamáns, no concello de Vigo.
Os traballos contan cun investimento autonómico de preto de 27.000 euros e serán executados pola empresa Montajes Eléctricos Salnés.
Trátase de dotar de iluminación á estrada de titularidade autonómica, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 9+430 e 9 +680, mediante a disposición de luminarias LED na marxe dereita da vía.
Os traballos iniciaranse coa conexión da canalización existente no tramo estudado á rede de iluminación no tramo previo. Para iso prevese a execución dunha gabia para canalización de iluminación que cruce baixo a calzada existente.
Despois procederase á instalación dunha columna de 9 metros de altura con luminarias LED, cunha separación entre elas de 30 metros de distancia, e á instalación de cableado na canalización existente ao longo da senda.
Con esta nova actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade complétase a obra de mellora da seguridade viaria para peóns xa realizada, que consistiu na execución de beirarrúa nesta mesma estrada, dende Zamáns a Fonte do Seixo. Nesta obra procedeuse xa á instalación da canalización necesaria para a colocación de iluminación que agora se materializa.