A conselleira de Política Social compareceu hoxe no Parlamento galego para dar conta da asignación realizada polo Goberno central dos fondos sociais do IRPF

Galicia é a única das nove comunidades consideradas infrafinanciadas no reparto do 0,7% do imposto da renda cuxa asignación non crece este ano

O propio Goberno central recoñeceu o ano pasado que había nove comunidades autónomas, entre elas Galicia, que estaban a recibir menos do que lles correspondía

Na proposta presentada polo Executivo central para este exercicio, oito delas crecen de media un 15,2%, mentres que Galicia só actualiza a súa contía un 0,9%, o correspondente á inflación

A Xunta realizará unha consulta xurídica sobre a constitucionalidade de que o Goberno central asigne de xeito directo outras axudas sociais, as correspondentes ao 0,7% do Imposto de Sociedades

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, denunciou hoxe no Parlamento autonómico que o Goberno central volve discriminar a Galicia na asignación dos fondos sociais do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).

Fabiola García lembrou que o ano pasado, o Executivo estatal recoñeceu que Andalucía, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, a Comunidade Valenciana, Estremadura e Galicia estaban a recibir menos cartos dos que lles correspondía da asignación destes fondos. Na proposta de reparto presentada para este ano, Galicia é a única destas nove comunidades que só actualiza os seus fondos un 0,9%, o correspondente á inflación, fronte ao 15,2% de media que recibirán o resto.

“Non se entende en base a que criterios a Galicia e a outras tres comunidades, só se lles actualiza a inflación, mentres todas as demais comunidades autónomas ven como a súa asignación se lles incrementa por riba dun 11%”, indicou a conselleira.

Ademais, apuntou que o Goberno central mudou este ano os criterios de reparto do 0,7% do IRPF de xeito unilateral, sen que as comunidades autónomas votasen ao seu respecto e aplicando indicadores pouco claros.

Por outro lado, a Xunta está consultando cos servizos xurídicos sobre a constitucionalidade da distribución que o Goberno central propón do 0,7% do Imposto de Sociedades e segundo a cal asignaría estes fondos de maneira directa.

Imaxes relacionadas