A Xunta enviou 60 teléfonos móbiles e tablets a centros residenciais lugueses para facilitar a comunicación dos usuarios coas familias
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que foron cedidos por Cenor electrodomésticos, a compañía Orange, a Fundación Profuturo e La Caixa
A Xunta de Galicia enviou 60 teléfonos móbiles e tablets a quince centros residenciais de maiores, de atención á discapacidade e de menores da provincia de Lugo para facilitar a comunicación entre os usuarios e os seus familiares durante a vixencia das medidas de confinamento para evitar contaxios por coronavirus.
Estes dispositivos foron cedidos por Cenor electrodomésticos, a compañía telefónica Orange, a Fundación Profuturo e La Caixa.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que con estes dispositivos preténdese contribuír a facilitar o contacto entre os residentes e as súas familias. Aínda que se intensificou a comunicación telefónica nestes centros, isto supón un paso máis ao facer uso dos avances tecnolóxicos para que poida producirse tamén un contacto visual.
Esta doazón de dispositivos móbiles convértese noutra mostra da solidariedade que todo o tecido social galego está a amosar nesta pandemia, xa que desde o primeiro momento puxéronse en contacto coa Administración autonómica para facer chegar a súa axuda.
Esta iniciativa forma parte do Plan social de continxencia, no que tamén se atopan medidas como o teléfono social (900 400 800), que está á disposición das persoas que teñan dúbidas básicas ou que necesiten acompañamento ou atención psicolóxica; ou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) extraordinario para as persoas que necesiten coidados a domicilio, entre outras.
O seguinte cadro indica os dispositivos móbiles que recibiu cada centro:
Concello | Centro | Número de móbiles e tablets |
Alfoz | Vivenda comunitaria | 1 |
Baleira | Fogar residencial de Baleira | 2 |
Burela | Residencia de maiores de Burela | 8 |
Castro de Rei | Residencia de maiores Castro Ribeiras do Lea | 2 |
Lugo | Residencia de maiores A Milagrosa | 8 |
Lugo | Residencia de maiores As Gándaras | 10 |
Lugo | Centro Ollos Grandes | 2 |
Monforte de Lemos | Residencia de maiores de Monforte de Lemos | 6 |
A Pontenova | Vivenda comunitaria da Pontenova I | 1 |
A Pontenova | Vivenda comunitaria da Pontenova II | 1 |
Quiroga | Residencia de maiores de Quiroga | 2 |
Rábade | Centro de menores Santo Anxo da Garda | 11 |
Riotorto | Vivenda comunitaria Riortorto | 1 |
Riotorto | Vivenda comunitaria Riotorto II | 1 |
Sarria | CAPD | 4 |