A conselleira Infraestruturas e Mobilidade mantivo videoconferencias cos responsables das obras dos centros de saúde de Paderne de Allariz e do Pereiro de Aguiar para supervisar o seu avance e as medidas de protección polo COVID-19
A Xunta finalizará este verán os centros de saúde de Paderne de Allariz e do Pereiro de Aguiar, en Ourense, nos que inviste máis de 1,7 millóns de euros
O novo centro de saúde de Paderne de Allariz, cun investimento de 625.000 euros, xa se atopa a máis dun 80% da súa execución total
Nestas instalacións sanitarias xa está acometida a estrutura e moi avanzados os traballos de albanilería, pavimentos e alicatados
O novo centro de saúde do Pereiro de Aguiar, cun orzamento de 1,1 millóns de euros, rolda o 85% da súa execución total
As obras xa están moi avanzadas, pois está rematada a envolvente exterior e a cuberta e só restan os traballos de pintura, iluminación, mobiliario ou sinalización
Ethel Vázquez salienta que estes centros de saúde achegaranlle aos veciños unha atención primaria máis próxima, moderna e mellor adaptada ás súas necesidades
Subliña a aposta da Xunta pola sanidade pública, que actualmente ten en execución unha decena de centros de saúde, cun investimento de 30 millóns de euros
A Xunta de Galicia finalizará este verán os centros de saúde de Paderne de Allariz e do Pereiro de Aguiar, en Ourense, nos que inviste máis de 1,7 millóns de euros.
A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo hoxe videoconferencias cos equipos responsables das obras dos centro de saúde de Paderne de Allariz e do Pereiro de Aguiar para supervisar o avance dos traballos.
Neste encontro constatouse que os traballos se están a realizar coas necesarias medidas de protección da saúde dos profesionais para evitar contaxios polo COVID-19.
No que se refire á evolución das obras, no novo centro de saúde de Paderne de Allariz xa está executada a estrutura e moi avanzados os traballos de albanilería, pavimentos e alicatados.
O grao de execución destas instalacións sanitarias, nas que o Goberno galego inviste 625.000 euros, xa rolda máis do 80%.
No centro de saúde do Pereiro de Aguiar xa está rematada a envolvente exterior e a cuberta e tamén se avanzou no interior, restando traballos de pintura, iluminación, mobiliario ou sinalización. Tamén está pendente de executar a urbanización exterior.
Este centro de saúde, cun orzamento autonómico de 1,1 millóns de euros, conta cun grao de execución do 85%.
Ethel Vázquez salientou que estes dous novos centros de saúde proporcionarán aos veciños destes concellos unha atención primaria máis próxima, máis moderna e mellor adaptada ás súas necesidades.
Subliñou a aposta pola sanidade pública que vén realizando a Xunta, que na actualidade ten en execución unha decena de centros de saúde, cun investimento de máis de 30 millóns de euros.
Fixo fincapé en que o Executivo autonómico segue construíndo a sanidade pública, que é esencial para estar preparados e poder ofrecer unha boa resposta ante situacións de emerxencia como a derivada do COVID-19.