O presidente da Xunta avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello que este documento, que conta co apoio dos sindicatos, terá tres fases

A Xunta aproba o protocolo para garantir a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial de forma gradual e segura

Este protocolo comezará o 11 de maio coas actuacións preliminares, que se prolongarán durante unha semana e nas que se identificará o persoal con despacho, así como os espazos de traballo compartido nos que se cumpre a distancia de seguridade

O texto tamén detalla tanto as medidas de organización do traballo, como de protección individual e colectiva

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do protocolo para garantir, a través de varias fases e numerosas medidas, a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial de forma gradual e segura.

Este protocolo, que nun primeiro momento foi apoiado por tres dos catro sindicatos con representación na Mesa Xeral, e que conta xa co apoio de todos eles, comeza coas actuacións preliminares, que darán comezo o próximo luns 11 de maio. “Trátase dun período de preparación que se prolongará durante unha semana e no que se identificará: tanto o persoal con despacho propio; como os espazos de traballo compartido nos que se cumpre a distancia de seguridade de 2 metros de persoa a persoa“, dixo, engadindo que tamén se realizará unha relación do persoal que pode teletraballar, naqueles casos que non sexa posible a súa reincorporación por razón de espazo; ademais de consultar co persoal a súa dispoñibilidade para reorganizar quendas.

Unha vez adoptadas estas actuacións preliminares, o titular da Xunta trasladou a proposta de Vicepresidencia para ir incorporando, por fases e de forma efectiva, o persoal. Así, na primeira fase, que comezaría o luns 18 de maio ata o 25 de maio, continuará traballando de forma presencial o persoal que xa o estaba a facer nestas oito semanas de estado de alarma, e incorporaranse tanto os xefes de servizos ou postos equivalentes como aquel persoal que non poida teletraballar, sempre que se cumpran as distancias de seguridade no seu posto de traballo.

Na segunda fase, que se estendería do 1 ao 8 de xuño, incorporarase aquel persoal que teña despacho ou espazo propio, así como os traballadores das oficinas nas que se cumpren os dous metros de separación entre traballadores. E na última fase -prevista desde o 11 ao 18 de xuño- incorporarase aquel persoal que non o puido facer nas fases anteriores por ocupar postos de traballo nos que non se cumpría a separación de dous metros, e despois de acometerse os axustes necesarios para garantir a distancia de seguridade.

Prevese que cada fase dure aproximadamente dúas semanas, sempre que non haxa que amplialas en atención aos criterios sanitarios.

Cómpre salientar que o protocolo tamén detalla tanto as medidas de organización do traballo, como de protección individual e colectiva. Así, seguiranse usando medios telemáticos na medida do posible para evitar desprazamentos; o acceso dos visitantes ás dependencias administrativas será individual, agás causas específicas; colocaranse carteis informativos coas recomendacións de seguridade; os empregados públicos deberán medir todos os días a súa temperatura no seu domicilio e quedar na casa se é superior a 37,5 graos; e tamén deberán quedar na casa se presentan algún síntoma, así como chamar ao teléfono de información do coronavirus (900 400 116).

Nesta mesma liña, deberán manterse ademais as medidas de hixiene recomendadas; os equipos de traballo deberán ser usados por unha soa persoa; disporase de produtos de hixiene para realizar unha correcta limpeza de mans; estableceranse distancias mínimas; desinfectaranse os equipos e ferramentas postas a disposición do público visitante e ventilarase de forma frecuente.

“En definitiva, preparámonos preservando sempre, e diante de todo, a saúde dos empregados públicos e, en consecuencia, tamén dos administrados que visitan as instalacións”, concluíu o responsable do Goberno galego.

Imaxes relacionadas