As comunidades autónomas envían de xeito uniforme datos sobre residencias ao Ministerio de Sanidad o 7 de abril
A Xunta reitera ao Goberno central que faga públicos os datos do impacto do coronavirus nas residencias, dos que dispón desde hai un mes
Galicia, igual que o resto de comunidades, envía esta información dúas veces por semana ao Ministerio de Sanidad
Fabiola García destaca que os usuarios de residencias, as súas familias e as persoas que traballan nelas merecen contar con información precisa e fiable do que sucedeu nestes centros en España
Segundo os datos feitos públicos polos medios de comunicación, o impacto do COVID-19 foi nas residencias galegas tres veces inferior que a media española e a nosa é a terceira comunidade cunha menor afectación polo coronavirus nos centros de maiores
A conselleira de Política Social, Fabiola García, reiterou ao Goberno central a solicitude de que faga públicos os datos relativos ao impacto do COVID-19 nas residencias de maiores de todas as comunidades autónomas. Fíxoo no día de hoxe, no que se cumpre un mes desde que Galicia e todas as demais comunidades envían de xeito uniforme datos sobre residencias ao Ministerio de Sanidade, dúas veces por semana, nas condicións e seguindo a plantilla marcada por este organismo.
“Sen datos, expándense os prexuízos, os mitos e as medias verdades. Os usuarios de residencias, as súas familias e as persoas que traballan nelas merecen contar con información fiable”, indicou a conselleira.
A xuízo da conselleira, a cidadanía merece poder confirmar con datos oficiais e a nivel nacional a realidade que xa están a contar os medios de comunicación, grazas ao traballo de recompilación de datos que fan os xornalistas. Os datos coñecidos polos medios apuntan a que o impacto do coronavirus nas residencias galegas foi tres veces inferior á media española e que Galicia é a terceira comunidade cunha menor afectación polo coronavirus nos centros residenciais de maiores.