A Xunta demanda que a execución dos fondos do Pacto contra a Violencia de Xénero permita investir en infraestruturas para apoiar ás vítimas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participaron hoxe por videoconferencia na Conferencia Sectorial de Igualdade, presidida pola ministra de Igualdade, Irene Montero

A Xunta puxo en marcha Plan de Reforzo de atención ás vítimas durante o confinamento con medidas como a ampliación do bono alugueiro social ou a garantía de recursos de acollida para as mulleres que o precisen

Alfonso Rueda incidiu no compromiso do Goberno galego para atender e apoiar ás vítimas e continuar a loitar na erradicación desta lacra
 

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de que o Goberno central outorgue maior flexibilidade á hora de executar os fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e permita que estas partidas se poidan destinar á habilitación e ao acondicionamento de infraestruturas destinadas a apoiar ás vítimas.

Así o expuxo hoxe ao Ministerio de Igualdade durante a Conferencia sectorial de Igualdade presidida pola ministra de Igualdade, Irene Montero, na que participou por videoconferencia xunto coa secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. No encontro abordáronse os criterios de reparto destes fondos que para 2020 supoñen para Galicia case 8 millóns de euros, a mesma contía que na convocatoria anterior.

O vicepresidente da Xunta sinalou que coa flexibilización das normas sería posible poñer en marcha novos Puntos de Encontro Familiar para o cumprimento do réxime de visitas entre os menores e as súas familias cando este dereito se vexa interrompido ou resulte difícil . Por iso, aclarou que o Pacto do Estado propón reforzar estes espazos pero “sería preciso tamén que se puidesen destinar fondos á súa creación”.

Coa proposta da Xunta, tamén se posibilitaría a habilitación a través destes fondos de novas salas Gesell dos edificios xudiciais nas que testemuñas vulnerables como as vítimas de violencia de xénero ou os menores poden tomar declaración en condicións de protección e privacidade, ademais do reforzo das oficinas de atención ás vítimas.

O vicepresidente da Xunta incidiu na importancia de que o Goberno central teña en conta estas demandas para “seguir mellorando na atención das vítimas e estar máis preparados na loita contra a violencia de xénero, sobre todo neste momento cando se prevé que co desconfinamento progresivo saian á luz novos casos que ata agora permanecían agochados”.

No marco da Conferencia Sectorial de Igualdade a Xunta tamén fixo balance do seu Plan de Reforzo para “continuar a atender e protexer ás vítimas” durante o confinamento derivado da situación de emerxencia de sanitaria polo coronavirus.

Nesta liña, Alfonso Rueda reafirmou o compromiso do Goberno galego co apoio ás vítimas coa activación deste Plan que inclúe, entre outras medidas, “a posta en marcha de vías alternativas para acoller as vítimas que precisen romper coa situación de violencia”. Deste xeito, ademais de manter operativos os centros de acollida da Rede galega de Acollemento ofrécense vías alternativas como hostais ou pensións, xunto co reforzo da colaboración coa Rede galega contra a trata para atender situacións de especial vulnerabilidade causadas pola crise do coronavirus.

O plan establece ademais a ampliación do bono alugueiro social para as vítimas de violencia de xénero, de forma que “a Xunta asume o pagamento do 100% do alugueiro” para paliar así o impacto económico que o estado de alarma poida ter sobre as vítimas.

Ademais, continúan activos o servizo de atención telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero (900400273); o asesoramento xurídico en liña; o contacto coas vítimas de violencia sexual; o servizo de quenda de garda psicolóxica permanente e especializada que presta apoio nos momentos iniciais de presentación da denuncia; o apoio psicolóxico e social nas Oficinas de Atención ás Vítimas que funcionan nas sedes xudiciais das sete cidades galegas; así como os servizos administrativos de carácter esencial para as vítimas, e o pago de todas as axudas económicas, que ademais seguen a tramitarse na sede electrónica da Xunta.
 

Imaxes relacionadas