A Xunta suspende as probas deste mes para o manexo de embarcacións de lecer e motos náuticas polo coronavirus

As persoas que presentaran a solicitude para esta convocatoria poderán participar nalgunha das seguintes que se realicen en 2020 e as que non queiran participar poderán solicitar a devolución da correspondente taxa

A Consellería do Mar adopta esta medida atendendo ao real decreto polo que o Goberno central declarou o estado de alarma para loitar contra o COVID-19 e frear a súa expansión
 

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2020

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar emitiu unha resolución pola que suspende a realización das probas da convocatoria de maio para obter os títulos que permiten manexar embarcacións de lecer e motos náuticas en Galicia como consecuencia do estado de alarma derivado da alerta sanitaria do coronavirus.

As persoas que presentaran a solicitude para participar nesta convocatoria poderán participar nalgunha das seguintes que se realicen durante este ano, tal como establece a resolución da Xunta, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días e que tamén especifica que as persoas que non queiran participar en ningunha das convocatorias de 2020 poderán solicitar a devolución da correspondente taxa.

As probas que se suspenden son para as titulacións de patrón para a navegación básica, patrón de embarcación de lecer, patrón de iate, capitán de iate e patrón de motos náuticas A e B e estaban previstas para os días 11, 12, 13, 14 e 15 de maio nos centros oficiais de ensino pesqueiro da Consellería do Mar.

Esta decisión adóptase atendendo ao real decreto polo que o Goberno central declara o estado de alarma para loitar contra o COVID-19 e frear a súa expansión. A este real decreto súmase ademais a resolución do propio Executivo galego polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus e pola que tamén se decretou a suspensión e interrupción dos prazos e procedementos das entidades do sector público de Galicia e a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.
 

Imaxes relacionadas