A Delegación viguesa da Xunta facilita de balde mascarillas para os nenos e nenas de Vigo a través das farmacias e Cáritas

Estas unidades dirixidas aos nenos e nenas de entre 2 e 14 anos foron confeccionadas pola rede de costura formada por 300 voluntarios e voluntarias

Este fin de semana Cáritas xa repartiu as primeiras 3.000 e hoxe entregáronse outras 4.000 ao Colexio de Farmacéuticos da provincia de Pontevedra

Esta rede, que traballa na produción doutras 50.000 unidades infantís, elaborou unha partida de máis de 100.000 para adultos e 7.000 para os máis pequenos

Confeccionadas en telas con motivos infantís e capa de poliéster, contan coa validación hixiénica e protectora para o seu uso con todas as garantías

A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, non perdeu a oportunidade de agradecer a todos os implicados o seu apoio decidido a colaborar coa Delegación na iniciativa

Vigo, 27 de abril de 2020

A Xunta de Galicia, a través da Delegación Territorial de Vigo, segue a poñer en marcha medidas encamiñadas á protección da cidadanía nesta loita conxunta contra a COVID-19. Así, tras o anuncio de que os nenos e nenas de ata catorce anos poderán saír unha hora ao día ás rúas acompañados por un adulto, a sede viguesa do Goberno autonómico adiantouse unha vez máis co obxectivo de facilitar de balde mascarillas para os máis pequenos da casa.

Hoxe mesmo, nun acto presidido pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e no que estiveron presentes a presidenta e o vicepresidente do Colexio de Farmacéuticos da provincia da Pontevedra, Alba Soutelo e Ignacio Sánchez, o director de Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Eugenio Gozalo Davila, e o seu secretario xeral, José Antonio García, así como o delegado episcopal de acción social, Javier Alonso, entregáronse 4.000 mascarillas, dirixidas a nenos e nenas de entre 2 e 14 anos que 141 oficinas farmacéuticas de Vigo encargaranse de distribuír de balde entre as familias que así o soliciten.

Unha partida que se suma ás 3.000 mascarillas infantís que este fin de semana foron xa entregadas por Cáritas ás parroquias, cuxos representantes agradeceron á Administración autonómica que pilote iniciativas de este tipo, tan necesarias nos complicados momentos que se están a vivir. Neste senso, o secretario xeral de Cáritas Diocesana Tui-Vigo, José Antonio García, manifestou a súa intención de seguir colaborando en todas as medidas que logren poñer freo á extensión do virus.

Rede de costura voluntaria

Estas 7.000 unidades dirixidas agora aos máis pequenos foron confeccionadas pola rede de costura formada por 300 voluntarios e voluntarias, principalmente de Vigo pero tamén da área, que durante as últimas semanas xa proporcionaron unha partida superior ás 100.000 mascarillas en tamaño adulto (repartidas entre colectivos sociais, centros de discapacidade, supermercados, mensaxeiros, transportistas, taxistas...) co material doado por distintas empresas. Nas vindeiras semanas a rede estima que poderá alcanzar una produción de outras 50.000 para os máis pequenos, que serán distribuídas baixo o mesmo criterio marcado pola Delegación Territorial da Xunta en Vigo, encargada da súa loxística, entre as farmacias e as parroquias a través de Cáritas sempre de balde.

Confeccionadas en telas con motivos infantís e capa de poliéster -que é a que aporta a protección-, están hixienizadas con ozono e contan coa validación de protección para o seu uso con todas as garantías. Son lavables e, en consecuencia, reutilizables.

No momento das intervencións, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, non perdeu a oportunidade de agradecer a todos os implicados o seu apoio decidido a colaborar coa Delegación nesta iniciativa, ben sexa pola doazón do material como pola confección das mascarillas que se están a repartir. Neste senso, fixo un chamamento ás familias viguesas para que se acheguen estas semanas ás farmacias e as súas parroquias, onde terán a súa disposición mascarillas para os máis pequenos teñan toda a seguridade á hora de saír ás rúas.

Pola súa banda, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos da provincia da Pontevedra, Alba Soutelo, sinalou que unha vez recibidas as mascarillas, a partir deste martes, iranse distribuíndo polas farmacias da cidade, coa estimación de que, nos vindeiros días, esta mesma medida poda estenderse á rede farmacéutica que conforma a área territorial de Vigo en función da capacidade de produción.

Imaxes relacionadas