As tres unidades móbiles de resonancia magnética do Sergas reanudan a súa actividade nos hospitais de o Barco, Barbanza e Pontevedra

A reactivación destes equipos volve poñer a disposición da cidadanía unha tecnoloxía diagnóstica de vangarda preto dos seus lugares de residencia, evitándolles o desprazamento aos grandes centros de referencia

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2020. As tres unidades móbiles de resonancia magnética con que conta o Servizo Galego de Saúde renovaron a súa actividade a carón dos hospitais comarcais do Barco de Valdeorras, e O Salnés e o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, tras un parón obrigado pola fase aguda da pandemia provocada polo coronavirus. Coa volta ao funcionamento destes equipos reactívase unha modalidade asistencial que pon ao dispor dun amplo sector da poboación galega a última tecnoloxía en resonancia magnética, preto dos seus domicilios e, por tanto, sen ter que dirixirse aos grandes hospitais, aforrándose o tempo e o custo do desprazamento a cada paciente e os seus familiares. Este sistema de unidades móbiles permite dar resposta, coa máxima calidade diagnóstica, a unha demanda dispersa pero importante no seu conxunto, cunha fórmula asistencial áxil, flexible, satisfactoria para o usuario e capaz de obter o máximo rendemento asistencial dun recurso tecnolóxico de última xeración.

Na primeira xornada de volta á actividade, as unidades móbiles atenderon ao redor de 45 pacientes aos que se lles realizaron las exploracións con resonancia magnética solicitadas polo especialista, uns quince pacientes en cada unha delas, o que supón unha lixeira redución respecto da vintena de pacientes que se atendían en condicións normais, e sen a ameaza do coronavirus. Esta diminución débese á aplicación do plan de continxencia que se estableceu para evitar contaxios e que inclúe, entre outras actuacións, a desinfección da sala e o equipo con cada paciente, o mantemento das distancias establecidas e o uso por parte dos pacientes e do persoal da unidade dos correspondentes elementos de protección individual.

Coa reactivación deste sistema asistencial, a alta tecnoloxía diagnóstica volve viaxar ata onde está o usuario, seguindo uns roteiros planificados en colaboración e de maneira coordinada cos hospitais aos que este equipo dá servizo, de modo que todos eles dispoñan da resonancia cunha periodicidade similar. Ademais, a flexibilidade desta fórmula permite adecuar o tempo de permanencia en cada hospital e a orde no que acudirá a cada centro, en función das variacións da demanda. Grazas aos avances da telerradioloxía, as imaxes da proba chegan en tempo real á consola de traballo dun radiólogo con anos de experiencia en informar resonancias mentres o paciente e a súa familia afórranse un longo desprazamento.

Calcúlase que desde o 11 de setembro de 2006, data na que entrou en funcionamento a primeira das unidades deste servizo, os pacientes dos hospitais comarcais aos que se realizaron resonancias magnéticas nestes equipos aforráronse máis de 22 millóns de quilómetros de desprazamentos

Desde aquela data na que se levou a cabo a primeira resonancia magnética nunha unidade móbil ata finais de 2019, realizáronse 183.147 probas a un total de 151.230 pacientes que residen no ámbito xeográfico dos sete hospitais comarcais de Galicia.

Polo que se refire ao último cómputo anual, no ano 2019 realizáronse nas unidades móbiles de resonancia magnética do Servizo Galego de Saúde 21.105 resonancias magnéticas a un total de 18.064 pacientes.

Por outra banda, dispoñer de tres equipos móbiles de resonancia magnética garante ao sistema público a posibilidade de utilizalos para cubrir o requirimento de calquera hospital do sistema como apoio para resolver de xeito puntual un pico de demanda ou se se producise unha incidencia que obrigase a interromper momentaneamente a actividade da resonancia instalada nese centro.

Desde o punto de vista tecnolóxico, estas unidades móbiles levan instalados equipos de resonancia magnética de alto campo, dos máis avanzados que existen actualmente en Galicia, con capacidade para realizar todas as exploracións posibles, desde as máis sinxelas ata as de maior complexidade, coa máxima calidade diagnóstica.

Estas unidades permiten aproveitar as vantaxes que ofrece a tecnoloxía actual, ao adquirir imaxes de RM sen desprazar aos pacientes (telerradioloxía), imaxes que son analizadas a distancia por radiólogos expertos con acceso á historia clínica dos usuarios. Este sistema, mellora os tempos e a calidade dos informes, evita a repetición de probas, ao estar accesibles para consulta polos clínicos no seu propio centro de traballo, e posibilita a colaboración e formación en rede dos radiólogos implicados.

A posta en marcha destas unidades ten un importante carácter de reequilibrio territorial, ao facilitar o acceso á alta tecnoloxía de toda a cidadanía. Este sistema evita que miles de persoas teñan que realizar desprazamentos aos hospitais de referencia, finalizando cos inconvenientes e o custo social e económico que estes traslados orixinaban.

Desde o punto de vista tecnolóxico, conseguiuse que a poboación das áreas periféricas dispoña no seu ámbito xeográfico da mesma tecnoloxía sanitaria que teñen á súa disposición os habitantes das grandes cidades de Galicia, nun tempo razoable e coa garantía de que os estudos diagnósticos teñen a mesma calidade que os que se realizan nos hospitais de referencia.

En definitiva, a resonancia magnética móbil está a demostrar ser un modelo innovador dentro do Sergas, que permitiu optimizar o uso dos recursos sanitarios públicos da forma máis racional, avanzar na prestación de servizos aos cidadáns, reducir as listas de espera, responder o crecemento da demanda de resonancia magnética e achegar a tecnoloxía aos hospitais da rede pública.
 

Imaxes relacionadas