Miranda amosa o apoio do Goberno galego aos emigrantes retornados, para os que pon á disposición os case 2 M€ das axudas extraordinarias para afrontar a crise do coronavirus

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro telemático co presidente da Federación Venezolana de Galicia (Fevega) para coñecer como está a afectar ao colectivo esta pandemia

O prazo de solicitudes deste programa, que nestes intres pódese tramitar telematicamente, manterase aberto ata o vindeiro 31 de agosto
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, amosou esta mañá o apoio do Goberno galego aos emigrantes retornados, que se perfilan como un dos colectivos potencialmente máis sensibles ás consecuencias económicas e sociais da crise mundial do coronavirus. O titular do departamento autonómico mantivo un encontro telemático co presidente da Federación Venezolana de Galicia, Manuel Fernández Vidal, desde a sede do organismo en Santiago de Compostela para achegarse á realidade da colectividade.

Dirixidas a todos os galegos que regresaron a Galicia desde o estranxeiro nos últimos dous anos, a Secretaría Xeral da Emigración xa ren en marcha as Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, incluídas na Estratexia Galicia Retorna 2020 e que buscan contribuír a superar as dificultades que se atopan aqueles que volven a Galicia logo dunha temporada no estranxeiro nos primeiros meses logo da súa volta. A circunstancia excepcional na que se atopa, non só Galicia senón o resto de España e moitos dos países de orixe dos retornados fai aínda máis complexa a súa situación na comunidade galega.
Ata 1.500 euros por fillos menores

De aí que este programa do Goberno galego cobre nestes momentos especial importancia para os retornados, que poden atopar nel un apoio fundamental para afrontar as consecuencias que esta pandemia vai deixar en todos os eidos da sociedade. As Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado contan cunha dotación económica de 1,9 millóns de euros e poden tramitarse de xeito telemático a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. O incremento desde os 1,75 millóns do ano pasado á contía actual resposta á necesidade de cubrir a nova liña que se puxo en marcha na anterior convocatoria, dirixida ás familias galegas que volveran a Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2019 con fillos menores de idade.

Esta ampliación tradúcese nun complemento de 1.000 euros por fillo menor de idade, ata o segundo, e de 1.500 para o terceiro e sucesivos, aos retornados que regresen a Galicia con nenos ao seu cargo. As Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado buscan facilitar o regreso dos galegos que viven no exterior, tanto dos emigrantes como dos seus descendentes, a través dun pago único que lles permita facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da súa volta á comunidade galega.

Asesoramento gratuíto e personalizado

Grazas a un convenio asinado polo departamento autonómico con Fevega, a federación mantén abertas desde hai tres anos varias oficinas que ofrecen información e asesoramento gratuíto e personalizado a todos os emigrantes retornados que o soliciten. Vigo, Ourense, Lugo e A Coruña conforman a rede de locais rexentados pola agrupación que preside Fernández Vidal, aos que se suma unha oficina itinerante que leva percorridos os principais concellos galegos desde a súa posta en marcha.

Estas sedes complementan o labor que se fai desde a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado da Secretaría Xeral, que ten a súa central no antigo edificio da Expo situado en San Lázaro, na capital galega, e sedes nas principais cidades das catro provincias: A Coruña, Vigo, Lugo e Ourense. Malia que a atención presencial nestas instalacións permanece suspendida por mor da crise do coronavirus, a dixital continúa activa tanto a través do teléfono como dos correos electrónicos de todas as súas sedes. Todos eles figuran, ao igual ca o resto de información acerca da Estratexia Galicia Retorna, no Portal Retorna da Secretaría Xeral da Emigración, na dirección emigracion.xunta.gal/actividade/retorna.

Imaxes relacionadas