A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha videoconferencia co equipo responsable das obras para supervisar as medidas de prevención da saúde con motivo do COVID-19

A Xunta avanza na construción en Lugo do primeiro centro integral de saúde de Galicia mantendo o obxectivo de poñelo en servizo o vindeiro ano

Na actualidade as obras céntranse no derrubo de tabiques e no baleirado do edificio coa retirada de escombros e doutros materiais inservibles

O novo equipamento aproveita o antigo espazo do hospital materno-infantil para acadar un edificio de 6 andares que incluirá o centro de saúde, o punto de atención continuada e urxencias, unha área de saúde mental e a base do 061

Esta actuación, cun investimento de 12 millóns de euros, pon de manifesto a aposta que o Goberno galego vén facendo na última década pola sanidade pública

O equipamento forma parte do proxecto da Xunta para recuperar edificios públicos do barrio da Residencia e dotar aos veciños de máis servizos, como unha residencia da terceira idade ou servizos vinculados ao fomento de emprego

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020

A Xunta avanza na construción en Lugo do primeiro centro integral de saúde de Galicia mantendo o obxectivo de poñelo en servizo o vindeiro ano.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe unha videoconferencia co equipo responsable das obras do Centro Integral de Saúde (CIS) de Lugo.
Na reunión constatouse que os traballos, reiniciados a semana pasada, se están a realizar coas medidas de protección de saúde axeitadas para evitar contaxios: con mascarillas e guantes, mantendo as distancias de seguridade e co reforzo da hixiene e da limpeza do material.
Tamén se avaliou o desenvolvemento das obras deste novo equipamento sanitario que aproveita o antigo espazo do hospital materno-infantil para acadar un edificio con máis de 8.000 metros.
Estas instalacións, distribuídas en 6 andares, albergarán o centro de saúde, o punto de atención continuada e o servizo de urxencias, unha área destinada a saúde mental e a base para o 061.
Vázquez Mourelle precisou que na actualidade os traballos se están a centrar no derrubo de tabiques e no baleirado do edificio coa retirada de escombros e doutros materiais inservibles.
Salientou que esta actuación estratéxica pon de manifesto a aposta que a Xunta vén facendo na última década pola sanidade pública galega. O Goberno galego está a investir 12 millóns de euros na construción do que será o primeiro centro integrado de saúde de Galicia, no barrio da Residencia de Lugo.
Subliñou, ademais, que este proxecto tamén supón facer cidade, xa que o novo centro de saúde forma parte dunha actuación máis ambiciosa da Xunta para recuperar edificios públicos desta contorna e dotar aos veciños de máis e mellores servizos.
No marco deste proxecto global, o Executivo autonómico ten previsto neste barrio novos equipamentos socio-sanitarios, como a residencia da terceira idade que impulsa a Consellería de Política Social, ou servizos vinculados ao fomento do emprego, que está a desenvolver a Consellería de Economía.

Imaxes relacionadas