A conselleira de Política Social mantivo unha reunión por videoconferencia coas direccións dos centros de maiores públicos da comunidade

Fabiola García agradece ás persoas traballadoras e usuarias das residencias da Xunta de Galicia os seus esforzos na contención da pandemia

Salientou que Galicia resistiu en mellores condicións que a media de España e que a maioría de comunidades

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, agradeceu o esforzo e o compromiso de todas as persoas traballadoras e usuarias das residencias de maiores e discapacidade na contención da pandemia do coronavirus. Fíxoo esta mañá durante unha xuntanza que mantivo por videoconferencia coas direccións de todos os centros xestionados pola Xunta de Galicia.

A conselleira incidiu en que ese agradecemento debe facerse extensible a todas as categorías profesionais que desempeñan os seus servizos nas residencias de maiores e que, nas últimas semanas, fixérono fronte a unha pandemia na que “non existe o risco cero” e contra a que, de momento, non hai vacina. Nunhas condicións moi difíciles, sacáronse tempo e enerxías para transmitir tranquilidade ás familias dos residentes e a toda a sociedade, a través de videochamadas cos usuarios e gravando vídeos de ánimo.

Fabiola García salientou que Galicia resistiu estas semanas en mellores condicións que a media de España e que a maioría das comunidades gracias á vocación e entrega dos cadros de persoal destas residencias. Con todo, animounos a non baixar a garda fronte á doenza e a seguir perseverando no coidado e na seguridade de todos os residentes e todos os traballadores.

Todas as direccións das residencias tiveron tamén a oportunidade de trasladar á conselleira e ao equipo da Consellería as experiencias de cada un dos centros na loita contra o coronavirus e de transmitir as súas impresións e consellos de cara ao futuro.

Imaxes relacionadas