A Xunta agradece á empresa coruñesa Carmen Vázquez a súa participación na confección de 32.000 batas médicas para o Sergas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha reunión telemática con responsables da compañía, que elaborou parte do lote subministrado coa coordinación do Clúster Téxtil (Cointega)

Tamén crearon a firma Virusafe, que obtivo licencia para fabricar produtos sanitarios e que está desenvolvendo un proxecto de fabricación de máscaras que presentaron á plataforma Marketplace Covid-19

A Xunta ten en marcha axudas por 2,5 millóns de euros para impulsar a reorganización produtiva das empresas para fabricar material de protección

A Administración autonómica continúa colaborando coas asociacións empresariais achegando dous millóns de máscaras para que a reanudación da actividade se poida facer en condicións de seguridade

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha reunión telemática con representantes da compañía téxtil coruñesa Carmen Vázquez, aos que agradeceu a participación desta empresa na confección de parte das 32.000 batas médicas para o Servizo Galego de Saúde (Sergas) subministradas baixo a coordinación do Clúster Téxtil de Galicia (Cointega).

Ademais, neste tempo creou a empresa Virusafe, que obtivo licencia da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios para poder fabricar produtos sanitarios, e están comezando a desenvolver un proxecto de fabricación de máscaras. Este proxecto foi presentado a través da plataforma Marketplace Covid-19, enmarcada dentro do Comité de fabricación impulsado pola Xunta para xestionar a oferta e a demanda de subministración de equipamentos.

Segundo Conde, actuacións coma estas supoñen “un orgullo do que significa o noso tecido empresarial, na súa colaboración nos momentos máis difíciles desta crise sanitaria”, e ao mesmo tempo “a súa capacidade de adaptación para dar unha resposta e dar solucións” á necesidade de equipos de protección, que tal e como sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, “cada vez van ser máis necesarios, non só no eido sanitario senón tamén no eido industrial”.

Neste sentido, sinalou que “nesta semana seguimos colaborando coas diferentes industrias, clusters e asociacións proporcionándolles dous millóns de máscaras para que a reanudación da actividade se poida facer en condicións de seguridade”. Tal e como dixo Conde, “a prioridade son as persoas, desde o punto de vista sanitario pero tamén desde o punto de vista laboral”.

A Xunta ten en marcha unha nova liña de axudas para pemes e autónomos dotada con 2,5 millóns de euros e destinada a impulsar a reorganización produtiva das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria, con apoios de ata 100.000 euros para facilitar as transformacións necesarias para que leven a cabo a fabricación inmediata de material de protección.

Imaxes relacionadas