A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza por videoconferencia cos responsables das federacións de transporte de viaxeiros por estrada de Galicia

A Xunta reactiva a licitación de 29 contratos de transporte público para garantir o emprego e servizos de calidade na vindeira década cun investimento de 240 millóns de euros

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 6 de maio para presentar as súas ofertas

Trátase dos novos servizos de autobús interurbano que prestarán servizo a partir do outono fundamentalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, completando a renovación iniciada cos 98 xa en funcionamento desde o pasado mes de xaneiro

Suman 1.300 liñas, das cales 741 son de transporte compartido e 639 inclúen servizos baixo demanda

Permitirán a extensión progresiva das tarxetas de Transporte Metropolitano e Xente Nova a toda Galicia

Os novos contratos achegan garantías de emprego a preto de 870 condutores e case 400 acompañantes

A Xunta trasládalle aos profesionais do transporte o seu apoio para que desenvolvan o seu traballo con seguridade e para minorar o impacto económico da caída da demanda, que supera o 95%

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2020

A Xunta de Galicia reactivou hoxe a licitación de 29 contratos de transporte público co obxectivo de garantir o emprego e servizos de calidade na vindeira década, grazas a un investimento autonómico de 240 millóns de euros. Así llo trasladou esta mañá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, aos representantes das federacións de transporte de viaxeiros por estrada de Galicia: Transgacar, Fegatravi, Fegabús e Anetra.

Ethel Vázquez, acompañada do secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo unha videoconferencia co sector para abordar a situación do Plan de Transporte Público de Galicia e, ademais, coñecer de primeira man a súa situación e as súas necesidades no marco da alerta sanitaria do COVID 19.

A conselleira confirmou o reinicio do procedemento de licitación dos contratos de autobús interurbano pendentes, correspondentes á segunda fase do Plan de transporte público de Galicia, debido a que se trata dun servizo esencial. Con esta decisión, establécese un novo prazo de presentación de ofertas, que se pechará o vindeiro 6 de maio.

Trátase de 29 novos contratos que inclúen os servizos de autobús interurbano que se prestan, fundamentalmente, nas provincias da Coruña e de Pontevedra, e que se veñen sumar aos 98 que xa están a funcionar desde xaneiro nas outras zonas da Comunidade.
Estes contratos inclúen preto de 1.300 liñas, que percorrerán case 36 millóns de quilómetros ao ano, máis do dobre que no ano 2015. Haberá 741 liñas de transporte compartido, aproveitando as prazas baleiras do transporte escolar, e tamén 639 liñas con servizos a demanda nas zonas de baixo uso para que o bus só saia cando hai usuarios.

Os novos contratos de transporte garantirán máis e mellores servizos aos cidadáns: con novas liñas, incremento de frecuencias, aumento da cobertura territorial e servizos aos principais centros de demanda como hospitais ou polígonos industriais. Tamén permitirán a extensión, progresiva, da Tarxeta de Transporte Metropolitano e Xente Nova a toda Galicia, coas vantaxes que isto supón para usuarios e familias.

Estes contratos son garantía de emprego, xa que asegurarán o traballo de preto de 870 condutores e case 400 acompañantes.

Seguridade no transporte

Na reunión, a conselleira trasladou o apoio da Xunta para que os profesionais do transporte desenvolvan o seu traballo con seguridade, e a importancia do cumprimento das medidas de ocupación máxima de prazas, a distancias entre usuarios e co condutor, ou o uso de máscaras e guantes. Lembrou que o Goberno galego habilitou unha canle que facilitou a adquisición de 50.000 mascarillas ao sector de transporte interurbano de viaxeiros, que se suman ás distribuídas polo Ministerio de Transportes.

En relación co impacto económico da situación, constatouse que a redución de polo menos o 50% da oferta de servizos se está a traducir nunha baixada da demanda que supera o 95%. A conselleira, agradeceu a dilixencia das empresas nos reforzos puntuais dos servizos solicitados para atender aos profesionais dos centros hospitalarios e subliñou que a Xunta está a traballar para paliar as consecuencias da crise sanitaria sobre o sector.

Imaxes relacionadas