Portos de Galicia lembra que a dragaxe de Viveiro estase a executar con absoluta normalidade e todas as garantías ambientais

Os puntos de depósito son os autorizados por Costas do Estado ao igual que en todas as obras de dragaxe e o depósito da area de maior calidade na praia de Covas foi autorizado polo Servizo Provincial de Costas de Lugo para axudar á súa rexeneración

A Consellería do Mar está a investir un millón de euros nesta actuación para a recuperación de calado na canle de acceso, o peirao pesqueiro e o deportivo, como viña demandando o sector

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2020

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a executar as obras de dragaxe do peirao pesqueiro de Celeiro, no municipio lucense de Viveiro, así como na canle de acceso ao porto e no peirao deportivo. Ao respecto desta actuación, o ente público que preside Susana Lenguas, resalta que os traballos están a desenvolverse en condicións de absoluta normalidade e con todas as garantías ambientais, como non pode ser doutro xeito na totalidade das actuacións realizadas pola Administración pública.

Portos de Galicia promove esta obra, que permitirá a extracción de 45.000 metros cúbicos de áridos dos fondos mariños dos peiraos de Viveiro recuperando así o calado ata a cota -8 en determinadas zonas, como viña demandando o sector na zona. Para dar resposta a esta necesidade de profesionais e usuarios da náutica de recreo, a Consellería está a investir un millón de euros nunha obra que se estima que quede finalizada neste verán.

En canto aos puntos de depósito empregados son, como en todas as actuacións de dragaxe que promove o ente público, os autorizados polos organismos competentes e concretamente por Costas do Estado. Neste caso, tal como recolle o informe favorable da Capitanía Marítima de Burela, o depósito dos materiais extraídos divídese en tres puntos do seguinte xeito: 37.000 metros cúbicos de material de categoría A -a de maior calidade ambiental- deposítanse na zona denominada Viveiro Zona B, en augas interiores; 9.000 metros cúbicos de material desta mesma categoría apórtanse ao areal da praia de Covas; e 6.000 metros cúbicos de material de categoría B, a segunda en criterio positivo de calidade, deposítanse no punto denominado Burela Exterior, en augas exteriores. Neste sentido, cómpre lembrar tamén que os estudos ambientais determinaron que non existía material de deficiente calidade ambiental nesta obra.

Finalmente, polo que respecta ao traslado de area dragada á praia de Covas, o Servizo Provincial de Costas de Lugo autorizou este depósito nun informe con data 8 de agosto de 2018. Para maior seguridade e actualización de datos, Portos de Galicia repetiu os estudos da calidade da area para dragar en marzo deste mesmo ano cos mesmos resultados. Deste xeito, a obra de Portos de Galicia permite non só a recuperación do calado necesario nos portos de Viveiro senón que contribúe á rexeneración do areal de Covas, seguindo as indicacións do Ministerio de Medio Ambiente a través de Costas.