A Xunta garante o apoio á coordinadora galega de ONGD para reforzar o sector da cooperación ao desenvolvemento

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantiveron esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento

O Goberno galego destaca a importancia do traballo das ONGD galegas para axudar aos países con menos recursos a facer fronte ás consecuencias do COVID-19

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, abordou hoxe con representantes da Coordinadora Galega de Organizacións non Gobernamentais para o Desenvolvemento as demandas da organización para levar a cabo os seus proxectos no marco da actual situación de emerxencia sanitaria a nivel mundial como consecuencia do coronavirus. No encontro tamén participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

Alfonso Rueda incidiu no compromiso do Goberno galego co sector galego de cooperación ao desenvolvemento e destacou o importante labor que están a desenvolver as ONGD galegas “co seu traballo sobre o terreo nos países máis desfavorecidos que contan con menos recursos para facer fronte á pandemia do coronavirus”. Por iso, garantiu o apoio da Xunta, “agora máis ca nunca e cun maior esforzo”, para axudar a estes países a combater as consecuencias do COVID-19.

O vicepresidente da Xunta sinalou que a Coordinadora Galega de ONGD, que integra a 47 organizacións non gobernamentais galegas, é o instrumento máis eficiente para canalizar a axuda do Goberno galego para que poidan seguir adiante cos seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Nesta liña, insistiu en que a Xunta continuará a manter o apoio a esta entidade “para non deixar abandonadas e desatendidas ás persoas doutros países que seguen precisando a axuda de Galicia”.

A Xunta vén colaborando dende 1997 coa Coordinadora nos ámbitos da sensibilización e fortalecemento institucional a través de distintas liñas de colaboración que se enmarcan no Plan anual 2020 da Cooperación Galega.

Este programa inclúese, á súa vez, no IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021, que recoñece o papel central que as ONGD están a cumprir no sistema de cooperación para o desenvolvemento, como actores relevantes para o diálogo de políticas e o fortalecemento do sistema galego de cooperación.

Imaxes relacionadas