A Rede CeMIT ofrece formación online a través da súa plataforma virtual e propostas e recomendacións diarias na web Faite Dixital

A plataforma de teleformación da Rede conta cun amplo catálogo de cursos desde os niveis máis básicos sobre uso de dispositivos ata outros máis avanzados como o tratamento de imaxe

A Amtega publica cada día na web FaiteDixital suxestións e información para aproveitar ao máximo os beneficios das TIC

As persoas maiores, contan co acompañamento virtual de axentes TIC para manterse activos coa formación dixital e iniciativas como as charlas online do aliado dixital, Fegaus

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a través da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), continúa ofrecendo formación dixital online, a través a plataforma de teleformación EMA, que conta cun amplo catálogo de cursos para poder continuar formándose no eido dixital sen saír da casa.

Os cursos están catalogados desde un nivel máis básico, como o uso da tableta, o aproveitamento do smartphone, as redes sociais, ata o uso da administración electrónica, operacións dixitais o tratado de imaxes e vídeos, etc. Para acceder a estes recursos tan só é preciso darse de alta na Rede a través da páxina web de CeMIT.

Apoio para os maiores

A Rede, cuxa actividade fan especial fincapé nas persoas con máis dificultades no acceso a tecnoloxía, entre eles o colectivo de maiores, colabora estes días co aliado dixital Fegaus na iniciativa #MayoresActivosEnCasa, e a través da plataforma web Canal Sénior, calquera cidadán con conexión a internet, pode participar nas charlas sobre tecnoloxía, historia, arte, manualidades, etc.

Ademais, axentes TIC responsables da formación das aulas CeMIT están a centrar a súa labor formativa estas semanas no acompañamento personalizado e titorización, principalmente, das persoas maiores, ben a través do teléfono para os alumnos e alumnas con menos coñecementos, ou a través de mail, redes sociais ou aplicacións de videoconferencia.

Neste último mes, a formación dixital para as persoas maiores orientouse principalmente á comunicación a través das ferramentas e aplicacións dixitais e tamén no uso de servizos dixitais, coma a solicitude de cita no médico (para a consulta telefónica) a través da plataforma de É-Saúde ou a banca electrónica. A formación complétase con propostas de ocio como xogos de memoria, culturais e visitas virtuais, exercicio ou receitas.

Para coñecer as aulas que están a desenvolver este tipo de actividades, aconséllase contactar directamente cos responsables dos centros CeMIT.

Guías e post con propostas e recomendacións tecnolóxicas

A Amtega, desde o comezo do estado de alerta sumouse a iniciativa #EuQuedoNaCasa e desde a Web Faitedixital publica diariamente unha gran variedade de post para toda a cidadanía con propostas de recursos tecnolóxicos que permiten sacar un maior aproveitamento desta situación que estamos a vivir, impulsando un uso seguro e responsable da tecnoloxía no fogar, asegurando un bo teletraballo ou manténdote activo física e mentalmente.

Esta semana as publicacións estiveron dirixidas ás persoas maiores e tamén publicarase a Guía para persoas maiores “Aproveita o tempo na casa coa tecnoloxía“.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Imaxes relacionadas