Galicia acorda coas comunidades da España verde reorientar esta marca ao mercado nacional tras a crise do coronavirus
A Xunta mantén nunha videoconferencia con representantes de Asturias, Cantabria, Euskadi e Turespaña para artellar medidas conxuntas de reactivación no turismo
A Xunta de Galicia, xunto cos gobernos autonómicos das comunidades da España Verde, acordou reorientar as accións desta marca turística do norte peninsular ao mercado nacional tras a crise do COVID-19. Así se decidiu nunha videoconferencia entre as directoras e viceconselleiras de Turismo de Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia, representada a través de Nava Castro.
A xuntanza permitiu analizar conxuntamente o impacto da actual crise sanitaria nos seus respectivos territorios e artellar posibles vías de colaboración conxunta baixo esta marca turística. Na reunión abordáronse as diferentes medidas adoptadas polas catro comunidades autónomas en colaboración co sector e se puxo de manifesto a oportunidade que ofrece a España Verde á franxa do norte peninsular para traballar xuntos e axudar a impulsar ao sector no escenario de saída do confinamento.
Neste sentido, acordouse por unanimidade suspender a promoción internacional ata o fin das restricións derivadas desta situación e centrar todos os esforzos en posicionar a marca no mercado nacional, para o que se apoiará en diversas accións online a través de vídeos promocionais e dun novo himno do compositor Antonio Garamendi.
Sumar á marca España
A marca España Verde, que en 2019 celebrou o seu trinta aniversario, estivo centrada desde os seus inicios na promoción internacional. Agora, ante esta situación excepcional, aposta por esta reorientación cara o mercado nacional, por ser unha oportunidade para posicionar a marca en España e contribuír á reactivación do sector turístico do norte no curto e medio prazo, potenciando, ademais, fortalezas da marca como a natureza, enogastronomía, turismo rural, Camiño de Santiago e seguridade.
O grupo de traballo abordou a importancia de facer un esforzo na seguridade sanitaria de xeito conxunto. Nos vindeiros días, os equipos técnicos das catro comunidades autónomas traballarán na elaboración de material de comunicación e promoción.
Durante este ano 2020, Galicia é a comunidade da España Verde que se encarga da coordinación de todas as actividades desta marca turística do norte peninsular.