Feijóo destaca que a Xunta continuará coa tramitación do 100% dos contratos de servizo e de subministración que estaban en execución

Precisa que en total continuarán 1.100 contratos, por un importe de 413 millóns de euros

“Estamos falando de contratos de subministración de vehículos da Xunta; de material para servizos de emerxencia; de mobiliario, por exemplo, para os centros escolares; de material de extinción de incendios; mantemento de edificios, etc”, explica

No eido educativo, destaca o reforzo da educación en liña para as familias con menos recursos, coa distribución doutros 1.750 novos equipos e conexión gratuíta á rede
 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe na rolda de prensa do Consello que a Xunta continuará coa tramitación do 100% dos contratos de servizo e de subministración que estaban en execución. “Estamos a falar de 1.100 contratos que continúan, por un importe de 413 millóns de euros”, precisou.

En concreto, continuarán un total de 675 procedementos que estaban xa en execución antes da declaración do estado de alarma; “e tomamos a decisión de seguir licitando e adxudicando 434 contratos novos, o que totaliza os 1.100”, precisou o titular da Xunta.

“O Consello considerou hoxe, polo tanto, que todos os procedementos que estaban en execución prosigan, máis os que estaban pendentes licitación. Estamos falando de contratos de subministración de vehículos da Xunta; de material para servizos de emerxencia; de mobiliario, por exemplo, para os centros escolares; de produtos de alimentación para centros prestadores de servizos sociais; de material de extinción de incendios; mantemento de edificios; limpeza; vixilancia; etc”, abundou, lembrando que a semana pasada activáronse tamén os contratos de obra: 508 obras financiadas pola Xunta, por un valor de 300 millóns de euros.

Por outra banda, Feijóo resaltou tamén o acordo polo que as mesas de contratación poderán celebrar as súas reunións a distancia, empregando medios electrónicos que garantan a identidade dos membros da mesa asistentes; o contido das súas manifestacións; a interactividade e a intercomunicación entre os membros da mesa en tempo real, así como a dispoñibilidade dos medios durante a sesión.

Cómpre salientar que, no caso das actuacións das mesas de contratación que deban realizarse en acto público, proporcionarase acceso virtual ao correspondente acto público ás persoas interesadas que así o soliciten.

Reforzo da educación en liña para as familias con menos recursos

Durante a rolda de prensa, Feijóo destacou tamén o reforzo da educación en liña para as familias con menos recursos, coa distribución doutros 1.750 novos equipos e conexión gratuíta á rede.

Con este novo envío, elévase a 2.750 o número total de equipos para asegurar a conectividade do alumnado que presenta maiores dificultades no acceso ao ensino en liña.
Cómpre salientar que o pack está formado por un ordenador portátil coma os empregados polo alumnado no proxecto de educación dixital E-DIXGAL; xunto cun kit que permite a súa conexión gratuíta á rede mediante un router WIFI 4G xunto coa correspondente liña de datos 4G.
 

Imaxes relacionadas