Os concellos da área de Vigo reciben do fondo de cooperación local preto de 3,7 millóns para obras e servizos da súa competencia

A delegada territorial, Corina Porro, destaca o compromiso do Goberno galego co municipalismo, que suma a este programa outras liñas de axudas e subvencións das distintas consellerías; “unha inxección de liquidez en tempos difíciles”

A partida correspóndese coa liquidación do 2018 e coas entregas a conta ás corporacións locais das cantidades do primeiro trimestre do ano en curso

A representante autonómica subliña que no presente exercicio incrementouse a contía deste programa nun 6,6%, ata os 135,8 millóns de euros

Vigo, 17 de abril de 2020

Os concellos da área territorial de Vigo reciben do Fondo de Cooperación Local preto de 3,7 millóns de euros correspondentes coa liquidación do 2018 e as entregas a conta ás corporacións locais das cantidades do primeiro trimestre do ano en curso.

Entre os municipios da área, a cidade de Vigo, no grupo dos municipios de máis de 50.000 habitantes, é a que percibe a maior contía, 1.843.121,55 euros. No Morrazo, Moaña e Cangas reciben 161.784,06 euros e 221.638,37 respectivamente; e no Val Miñor, corresponden 158.964,75 a Gondomar, 169.006,84 a Nigrán e 150.927,59 euros a Baiona.

En A Louriña, Mos e O Porriño perciben 134.404,66 e 153.609,53 euros; mentres Redondela recibe 241.409,04 euros; Pazos de Borbén 54.179,35; Fornelos de Montes 54.364,33; Salceda de Caselas 40.750,14; Soutomaior 85.141,52 euros e Salvaterra do Miño 144.099,05.

Uns fondos non finalistas, é dicir que os municipios destinan libremente a obras e servizos de competencia municipal, aos que hai que sumar outras liñas de axuda e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental. “Unha inxección de liquidez en tempos difíciles”, tal e como sinala a delegada territorial de Vigo, Corina Porro, ao tempo no que destaca “o compromiso do Goberno galego co municipalismo”.

Unha forte aposta da Administración autonómica que exemplificou nos máis de 80 millóns de euros retribuídos aos concellos da demarcación viguesa no último quinquenio e que, recorda, se abona en 12 mensualidades e a mes vencido.

Dotación orzamentaria, a deste programa, que se mantivo “intacta” durante os anos de recesión, nos que as contas autonómicas minguaron considerablemente, e que desde entón non deixou de medrar. Así, no presente exercicio incrementouse o orzamento do Fondo de Cooperación Local nun 6,6%, ata os 135,8 millóns de euros.

En canto a fórmula de distribución, o reparto faise en base a criterios obxectivos pactados previamente coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), cun peso específico aos relativos á poboación -especialmente o número de habitantes pero tamén o número de persoas maiores de 65 anos-, así como a superficie do concello e a cantidade de núcleos de poboación.

“De modo que non só se consolida o apoio da Xunta aos concellos, senón que segue aumentando”, apunta Corina Porro, ao tempo que defendeu o obxectivo da Administración autonómica de “contribuír a que os concellos poidan seguir prestando os debidos servizos á cidadanía, mellorando as condicións de vida que satisfagan as necesidades dos seus veciños e o fagan sen necesidade de ampliar a carga impositiva que soporta a veciñanza, máxime neste intres tan complicados”.