A Xunta envía esta semana 28.000 novas unidades de protección aos concellos da provincia de Lugo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explica que dende que comezou a crise sanitaria o Goberno galego entregou aos municipios da provincia 54.800 máscaras cirúrxicas e 103.500 guantes, entre outro material

Lugo, 16 de abril de 2020

A Xunta de Galicia completou un novo reparto de material e equipos de protección individual (EPI) aos concellos lucenses, distribuíndo nesta ocasión 27.961 unidades de protección fronte o coronavirus en 48 municipios. En concreto, entregáronse 13.850 máscaras cirúrxicas, 13.400 guantes e 277 traxes antisalpicaduras, e outro material de desinfección como 157 unidades de xel e 277 litros de lexía.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que con esta medida “o Goberno galego toma a iniciativa, unha vez máis, para atender as necesidades dos concellos”. O material está sendo destinado para o seu uso, principalmente, no Servizo de Axuda no Fogar, Protección Civil e Policía Local, pero tamén noutros que resultan igualmente esenciais, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios

Balseiro explicou que dende o comezo da crise sanitaria a Xunta ten distribuído material a todos os concellos da provincia, entre o que se contan 103.500 guantes, 54.800 máscaras cirúrxicas, 3.100 traxes antisalpicaduras, batas e produtos de desinfección.

A Xunta prevé continuar co subministro periódico deste material en todos os concellos, a través dunha plataforma loxística que puxo en marcha para axilizar o proceso e centralizar a adquisición e o reparto de equipos de protección individual durante a emerxencia sanitaria polo coronavirus.

Os criterios de reparto están consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e teñen en conta aspectos como a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.