A Xunta instala unha marquesiña na estrada LU-152 en Foz para mellorar o servizo aos usuarios do transporte público

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que o novo refuxio está situado no lugar de Ver, na parroquia de San Martiño

Os traballos quedaron completados despois de que se retomaran o pasado martes, unha vez transcorrido o período de suspensión de actividades non esenciais
 

Foz (Lugo), 16 de abril de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade instalou unha marquesiña na estrada LU-152 no concello de Foz, para mellorar o servizo ás persoas usuarias do transporte público.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o novo refuxio está situado no lugar de Ver, na parroquia de San Martiño, onde ten parada a liña de autobús que cubre a ruta entre o municipio de Foz e Ferreira do Valadouro.

Balseiro apuntou que a marquesiña xa está operativa despois de que o pasado martes se retomaran os traballos para a súa instalación, unha vez transcorrido o período de suspensión das actividades non esenciais.

Esta actuación enmárcase dentro do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público impulsado pola Xunta, que incorpora marquesiñas elaboradas con madeira de piñeiro e con deseños integrados na paisaxe, con versións adaptadas aos ámbitos rural e urbano.

En toda Galicia serán instaladas 180 novas marquesiñas, o que harmonizará esteticamente este recurso e incrementará a súa funcionalidade, dado que para a elección do deseño tivéronse en conta factores como a transparencia, amplitude, posibilidade de adaptación ou a resistencia. Cumpren as normativas vixentes de prevención de incendios, resistencia de materiais ao lume, actos vandálicos e seguridade viaria.
 

Imaxes relacionadas