A Xunta reclama ao Goberno central que faga públicos os datos da incidencia do coronavirus en residencias a nivel nacional

Asegura que o xusto é que todos os cidadáns coñezan estes datos, facilitados por todas as comunidades o pasado 7 de abril, para poder dimensionar axeitadamente a magnitude da situación

Lamenta que se coñeza unicamente a través dos medios de comunicación que Galicia é a sétima comunidade con menos persoas falecidas nas residencias ou que o impacto desta pandemia é tres veces menor na nosa comunidade que no conxunto de España

Agradece o traballo dos profesionais das residencias de maiores e reitera que se seguirá traballando para que todas as persoas maiores conten coa mellor asistencia sanitaria

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, reclamou ao Goberno central que faga públicos os datos da incidencia do coronavirus en residencias a nivel nacional. Neste sentido, sinalou que o xusto é que todos os cidadáns poidan coñecer ese datos para dimensionar axeitadamente a magnitude desta situación.

Así mesmo, asegurou que a publicación destes datos, que foron facilitados polas Comunidades Autónomas ao Ministerio de Sanidade desde o pasado martes 7 de abril, faise necesario por respecto ás persoas que faleceron e as súas familias e pola dignidade dos milleiros de traballadores destas instalacións.

A conselleira lamentou que o Goberno galego tivera que saber unicamente a través dos medios de comunicación que Galicia é a sétima comunidade con menos persoas falecidas por coronavirus nas residencias ou de que o impacto desta pandemia nas residencias galegas é tres veces menos que no conxunto de España.

Fabiola García puntualizou que as residencias de maiores seguirán sendo prioritarias para a Xunta e gabou o traballo que están a realizar os profesionais que nelas traballan. Por este motivo, asegurou que o Executivo autonómico seguirá traballando para que as persoas maiores que viven en residencias conten coa mellor asistencia sanitaria.

Imaxes relacionadas