A Xunta avalía coas entidades da economía social medidas para favorecer a súa recuperación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes do Foro Económico e Social

Traslada que o Goberno autonómico cre na economía social, un modelo sustentable e igualitario que representa un sector que será peza fundamental na reactivación económica galega

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión con representantes do Foro pola Economía Social e das entidades que o integran para avaliar como lles está afectando a situación actual e que medidas se poden adoptar para paliar as consecuencias e favorecer a súa recuperación.

A xuntanza, que contou con representantes da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA); a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal); a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca); a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal); e a Unión de Cooperativas de Galicia (Espazo Coop), forma parte da rolda de contactos que o Goberno galego está mantendo cos axentes económicos e sociais para identificar as súas necesidades e estudar medidas que lles dean resposta de xeito áxil e eficiente.

O conselleiro trasladoulles o compromiso da Xunta coa economía social, un modelo sustentable e igualitario, que promove emprego de calidade e que será unha peza fundamental na reactivación económica de Galicia. Conde explicou que a prioridade, nestes momentos, é garantir a saúde e seguridade de todos os traballadores -para o que se elaborou unha guía con recomendacións- ademais de poñer en marcha medidas que poidan axudar a paliar as consecuencias desta situación tanto a curto prazo como a medio.

Así, entidades da economía social, como as cooperativas ou as sociedades laborais por exemplo, poden acollerse ás iniciativas impulsadas para dar liquidez de xeito inmediato, como os préstamos de ata 200.000 euros sen intereses ou o aprazamento das cotas de amortización e xuros dos préstamos formalizados co Igape. Ao mesmo tempo, a Xunta traballa coa mirada posta na recuperación económica e, grazas a estas reunións, está consensuando novas medidas de apoio que se centrarán no investimento, o emprego e o estímulo á demanda.

Conde destacou que Galicia seguirá apostando pola economía social, un modelo cunha presenza cada vez máis consolidada en Galicia, con preto de 5000 entidades e 100.000 persoas -entre socios, traballadores ou mutualistas e comuneiros- vinculados a ela.

Imaxes relacionadas