A Xunta subliña que Galicia se adiantou ao estado ao prever a necesidade de accións de caza do xabaril excepcionais

O primeiro acordo do Centro de Coordinación Operativa da Xunta para xestionar a crise do COVID-19 xa contemplaba a posibilidade de autorizar accións de caza individuais ante situacións de gravidade como os danos no sector primario ou o risco sanitario

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lamenta que despois de que o Goberno cuestionara as competencias galegas para fixar excepcións á prohibición da caza, o Ministerio de Agricultura inste agora ás comunidades a facer o mesmo que propuña a Xunta no seu acordo do 21 de marzo

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lamentou hoxe a falta de seriedade e coordinación coas comunidades do Goberno central con relación ás medidas de control sobre a poboación de xabaril durante o estado de alarma decretado pola crise do COVID-19 e lembrou que foi Galicia, hai xa case un mes, a primeira en fixar certas excepcións á prohibición xenérica de realizar accións de caza no conxunto da comunidade.

A este respecto, a conselleira explicou que onte a Xunta recibiu unha carta do Ministerio de Agricultura recomendando o mantemento da actividade de control das poboacións de xabaril no contexto do estado de alarma, fundamentalmente para evitar o risco de propagación de enfermidades animais e prever os danos que o xabaril poida ocasionar ás producións agrogandeiras. Nesta comunicación, ademais, déixanse en mans das comunidades autónomas as decisións sobre a mellor maneira de levar a cabo estas medidas de control e prevención.

A carta, sen embargo, chega case un mes despois de que o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) creado en Galicia pola emerxencia sanitaria acordara permitir excepcionalmente e como medida de control a autorización de determinadas accións cinexéticas ante supostos graves como danos xeralizados á agricultura ou á gandería; accidentes de tráfico reiterados nun mesmo punto; ou a existencia de riscos en materia de sanidade animal.

Esta medida foi un dos primeiros acordos adoptados pola Cecop pero foi rexeitada de inmediato polo Ministerio de Política Territorial, que recorreu a decisión alegando que a comunidade non tiña competencias ao respecto. “Un mes despois, vólvennos dar as competencias e, ademais, dinnos que temos que facer exactamente aquilo que xa planteaba a Xunta desde o principio”, lamentou.

O contido desta carta, precisamente, foi un dos temas que centrou a xuntanza que mantivo esta mañá o Comité Galego de Caza, ante o que a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, deu conta das últimas indicacións achegadas polo Goberno central en relación coa posible autorización de accións de caza fronte ao xabaril, de carácter excepcional e sempre executadas de xeito individual.

Os axentes medioambientais, en todo caso, continuaron durante o último mes a desenvolver labores de comprobación de danos en base aos avisos recibidos e de control da poboación de xabaril, no marco das súas competencias como servizo esencial.

Neste sentido, tamén a Federación Galega de Caza aproveitou a reunión do Comité para reiterarlle o seu apoio á Xunta en todas as medidas que se adopten para facer fronte á sobrepoboación de xabarís e a seguir colaborando no seu control, no marco e coas limitacións impostas polo actual estado de alarma.

Tramitación de avisos e expedientes por danos

Por outra banda, a Xunta garante que todos os trámites, tanto os avisos por danos como as solicitudes de axudas por parte de afectados do sector agrogandeiro, continúan a súa xestión administrativa con normalidade e a pesar do actual estado de alarma.

Neste sentido e tendo en conta a importancia que ten para gandeiros e agricultores, o departamento autonómico deu ordes expresas coincidindo co inicio da crise sanitaria para que todos os expedientes relacionados con esta problemática continuaran a tramitarse, en especial aqueles que buscan paliar os danos e prexuízos causados polos xabarís en explotacións agrogandeiras.

De feito, as axudas da última convocatoria da Xunta xa foron aboadas na súa maior parte e as que faltan atópanse na recta final da tramitación, polo que se prevé proceder ao seu pagamento nas próximas semanas.

Imaxes relacionadas