A Xunta retoma as obras da senda de Toiriz, en Lugo, observando as debidas medidas de protección individual e de organización do traballo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste 419.000 euros na construción dunha vía peonil e ciclista ao longo de case 2 quilómetros da LU-612, entre o inicio da estrada de Portomarín e o acceso á igrexa de Piugos

Lugo, 14 de abril de 2020

A Xunta de Galicia retomou as obras da senda de Toiriz, no municipio de Lugo, unha vez levantadas as restricións que pesaban sobre todas as actividades non esenciais e que afectaban, entre outros, ao sector da construción.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta é unha das obras que, polas súas características, pode volver a poñerse en marcha, “pero sempre gardando as debidas medidas de protección tanto individual como de organización do traballo, como utilizar as mascarillas e respectar as distancias”.

A senda peonil e ciclista que promove a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade terá unha lonxitude de preto de 2 quilómetros e discorre pola marxe dereita da estrada autonómica LU-612, entre o inicio da estrada de Portomarín e a localidade de Toiriz, no acceso á igrexa de Piugos (puntos quilométricos 0,000 ao 1,940). O proxecto inclúe a instalación de dúas marquesiñas, situadas ao inicio e ao final do percorrido, co novo deseño previsto pola Xunta para os contornos urbanos.

A obra forma parte do plan de sendas da comarca de Lugo e foi adxudicada pola Xunta en 419.000 euros, cofinanciada con fondos FEDER. Está especialmente deseñada para garantir a seguridade de peóns e ciclistas e incorpora distintos elementos de seguridade e outras medidas complementarias (proteccións peonís, separación da circulación de vehículos...). Escolleuse a marxe dereita para garantir un percorrido continuo, incluído o paso pola glorieta presente neste treito, sen ter que realizar ningún cruce coa calzada.

No tramo colocarase unha canalización para a recollida das augas de drenaxe. Igualmente, están previstos outros traballos complementarios como construír novas arquetas, accesos seguros ás vivendas (vados), e a mellora e reforzo da sinalización horizontal e vertical e doutros elementos de balizamento.
 

Imaxes relacionadas