A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora do ISSGA, mantivo hoxe unha xuntanza por videoconferencia con membros da Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos

A Xunta trasládalle ao sector da enxeñería apoio e colaboración no seguimento conxunto de medidas de prevención para garantir a seguridade nas obras

A Xunta, a través do Igape, activou unha canle para que os sectores empresariais poidan adquirir mascarillas e guantes e dispoñer deste material de protección

Tamén remitiu unha guía con recomendacións específicas ás federacións de empresas da construción e aos colexios profesionais de enxeñeiros e arquitectos

Este manual, do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, recomenda o desprazamento individual ao traballo ou o uso de mascarilla no transporte público

A guía tamén aborda a distancia de seguridade, as accións de limpeza de espazos comúns ou aspectos organizativos como as quendas ou a limitación de tarefas que impliquen contacto

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladoulle hoxe á Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos o apoio da Xunta ao sector e a colaboración no seguimento conxunto das medidas de prevención para garantir a seguridade nas obras.

Vázquez Mourelle, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e as directoras de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, mantivo unha videoconferencia con representantes de AGEINCO, que agrupa ás empresas encargadas dos plans de seguridade e saúde nos proxectos de construción.

Na reunión abordouse o reinicio da actividade no sector da construción, tras dúas semanas de paralización derivada do estado de alarma reforzado decretado polo Goberno, especialmente no tocante ás garantías de seguridade no traballo.

A responsable de Infraestruturas fixo fincapé en que a pesar de que estes traballos teñen a vantaxe de desenvolverse maioritariamente ao aire libre, cómpre priorizar a seguridade e blindar o cumprimento escrupuloso dos protocolos establecidos para evitar riscos.

A Xunta e o sector coincidiron na prioridade de protexer á poboación e garantir que os profesionais da obra pública poidan desenvolver a súa actividade con seguridade. As empresas dotaron os empregados de material de protección, reduciron os equipos e as xornadas de traballo ou extremaron as medidas de hixiene.

Ethel Vázquez salientou que o Goberno galego, a través do Igape, activou unha canle para que os distintos sectores empresariais poidan adquirir mascarillas e guantes e dispoñer deste material de protección.

A Xunta tamén lle remitiu ás federacións de empresarios da construción e aos colexios profesionais, de enxeñeiros e arquitectos unha guía elaborada ISSGA con recomendacións específicas para o sector.

Esta guía recolle medidas previas ao comezo da actividade, como por exemplo, desprazarse ao traballo de maneira individual ou usar mascarilla no transporte colectivo.

O manual tamén inclúe medidas sobre a distancia de seguridade, como manter 2 metros ou evitar coincidir en espazos reducidos; accións de hixiene como o lavado frecuente de mans, a limpeza de espazos comúns ou das ferramentas; e aspectos organizativos, como o establecemento de quendas ou a limitación de tarefas que impliquen contacto.

Imaxes relacionadas