A Xunta garante o pago e facilita a tramitación das axudas sociais para as persoas que máis o necesitan durante a emerxencia sanitaria

Aboará con normalidade o importe da Renda de inclusión social de Galicia (Risga), a Pensións non contributivas (PNC) e as Axudas de inclusión social (AIS)

As persoas que están iniciando unha solicitude ou que se encontran na metade do trámite terán máis facilidades para facelo

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2020

A Xunta de Galicia, coa finalidade de apoiar ás persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade, vén de poñer en marcha varias medidas para garantir o pago e a tramitación da Renda de inclusión social de Galicia (Risga), das Pensións non contributivas (PNC) e das Axudas de inclusión social (AIS) mentres dure a emerxencia sanitaria.

Estas medidas están orientadas a flexibilizar e axilizar as solicitudes de todas aquelas persoas que teñan que pedir estas axudas ou daquelas que xa están na metade da súa tramitación. Desta maneira, os solicitantes terán maiores facilidades para enviar a documentación necesaria, poderán enviala por correo electrónico, sen ter que facelo de forma presencial.

Para facilitar a tramitación vaise axilizar tamén o traballo dos servizos sociais municipais. O informe social que debe realizarse para avaliar a situación da persoa que solicita axuda poderá facerse por teléfono.

Ademais disto, aquelas persoas que cumpran o máximo de idade permitida para o cobro dunha Risga (65 anos), non terán que solicitar a Pensión non contributiva que reempraza a esta prestación, pois a Xunta garante que seguirán cobrando a Risga mentres continúe o estado de alarma.

Imaxes relacionadas