A Xunta inicia o reparto de 1.738 mascarillas destinadas aos traballadores do transporte público

Entre hoxe e mañá distribuirase entre o persoal do transporte urbano, das navieiras e das estacións de autobuses o material de protección remitido polo Ministerio de Transportes

Santiago, 12 de abril de 2020

A Xunta de Galicia iniciou esta mañá a distribución de 1.738 mascarillas entre traballadores do transporte público.

Entre hoxe e mañá distribuirase entre o persoal do transporte urbano, das navieiras e das estacións de autobuses o material de protección remitido polo Ministerio de Transportes.

Tan pronto se recibiu o envío de material solicitado, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través das xefaturas territoriais, comezou xa esta mañá a repartir o material de protección entre os traballadores do transporte urbano, das navieiras e o persoal que presta servizo nas estacións de autobuses da Comunidade.

Así, no día de hoxe xa se distribuíron as mascarillas en varias estacións de autobuses, como a de Ribadavia, Xinzo, O Carballiño ou Ourense, ou entre os traballadores do transporte urbano de Ourense e de Tranvías da Coruña. O obxectivo é completar o reparto do material de protección entre esta tarde e mañá, co obxectivo de que chegue o antes posible aos profesionais do transporte para facilitar que desenvolvan a súa actividade en condicións de seguridade.

Estas 1.738 mascarillas que está a repartir a Xunta véñense sumar ao material facilitado polo Ministerio de Transportes, de acordo co establecido na declaración do estado de alarma, para os profesionais do transporte de mercadorías, do transporte interurbano e os taxistas.

Imaxes relacionadas