Política Social prorroga a vixencia dos títulos de familia numerosa e dos certificados das monoparentais ata que remate o estado de alarma

Non será necesario que as familias renoven os seus documentos ata tres meses despois do levantamento das medidas

No caso das familias numerosas esta prórroga non será de aplicación no caso de que os fillos deixen de cumprir os requisitos
 

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2020

A Xunta prorroga a vixencia dos títulos de familia numerosa, os carnés familiares e os certificados de familia monoparental expedidos en Galicia ata a finalización das medidas extraordinarias do estado de alarma. Deste xeito, e dado que todos os trámites administrativos están suspensos, as familias non terán que renovar os seus documentos.

En concreto, non será necesario que se renoven aqueles documentos que caduquen entre o 1 de xaneiro de 2020 e tres meses despois do levantamento das medidas derivadas da declaración do estado de alarma. Unha vez rematado este tempo e se reabran os servizos administrativos non esenciais, os titulares destes títulos ou certificados están obrigados a solicitar a súa renovación.

Así mesmo, no caso das familias numerosas, a prórroga non será de aplicación no caso de que os fillos deixen de cumprir os requisitos para formar parte dunha familia numerosa, isto é, ser maior de 26 anos e non ter un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.
 

Imaxes relacionadas