A Xunta axilizará o pago das axudas concedidas aos profesionais do taxi que adquiriron vehículos adaptados e de baixas emisións

O Goberno galego establece unha canle de asesoramento aos profesionais sobre o impacto no sector das restricións da mobilidade

Infórmalles da liña de financiamento aberta para inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos

A Consellería de Infraestruturas comprometeuse a seguir traballando para que os equipos de protección individual comprometidos polo Ministerio de Transportes cheguen canto antes a estes profesionais
 

Santiago, 2 de abril de 2020

A Xunta de Galicia axilizará o pago das axudas xa concedidas aos profesionais do taxi que adquiriron vehículos adaptados ás persoas con mobilidade reducida, coches eléctricos ou de baixas emisións. O Goberno galego tratará así de inxectar liquidez e aliviar a carga daqueles traballadores do sector que recentemente realizaron investimentos para a renovación de vehículos.

Estímase que se poderán beneficiar destas medidas un total de 170 profesionais.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron un encontro, por videoconferencia, co presidente da Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (FEGATAXI) e co presidente de Radio Taxi, Antonio Vázquez., na que abordaron o impacto que están a ter no sector as restricións da mobilidade derivadas do estado de alarma e a situación de emerxencia sanitaria en Galicia.

O Goberno autonómico estaleceu unha canle de asesoramento co sector en relación co impacto da crise sanitaria na súa actividade profesional. Informoulles aos taxistas sobre a nova liña de financiamento aberta pola Xunta para inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos afectados polas consecuencias do COVID-19 e comprometeuse a analizar as respostas máis axeitadas para as súas dúbidas laborais.

Os representantes dos taxistas informaron, así mesmo, da preocupación dos traballadores pola falta de medios de prevención, ante o que a Xunta informou de que xa lle deu traslado ao Ministerio de Transporte das necesidades dos distintos profesionais do transporte de contar con equipos de protección individual e avanzou que continuará a insistir, como ata agora, para que se fixen datas de reparto dos materiais comprometidos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aseguroulles aos representantes dos taxistas que a Xunta manterá ante esta situación extraordinaria a súa actitude de apoio e colaboración cun sector do que dependen unhas 5.000 familias en Galicia
 

Imaxes relacionadas