A Xunta enviará á cidade de Ourense máis de 8.200 máscaras e 16.000 guantes esta semana

No conxunto das sete cidades repartiranse 63.000 mascarillas e 122.000 guantes

A Administración autonómica entregará con este novo envío case 190.000 unidades de protección ás cidades e chegará así ao 100% dos concellos galegos
 

Ourense, 1 de abril de 2020

A Xunta repartirá esta semana case 24.400 unidades de material de protección na cidade de Ourense. En total, serán 8.262 mascarillas, 16.000 guantes e 131 traxes. O Goberno galego xa repartiu material de protección no 98% dos concellos galegos e esta semana chegará ao 100% dos municipios cun novo envío ás sete cidades ás que distribuirá case 190.000 unidades.

Desta forma, as sete cidades recibirán nestes días 63.000 mascarillas, 1.000 traxes e 122.000 guantes. Todo o material distribuirase directamente desde a plataforma loxística que a Xunta vén de poñer en marcha para axilizar o proceso e centralizar a adquisición e o reparto de equipos de protección individual durante o estado de alarma e a emerxencia sanitaria polo coronavirus. Así, levarase o material directamente aos concellos para evitar desprazamentos.

No reparto, priorizouse inicialmente aos concellos pequenos e medianos xa que dispoñen de menos recursos. A Administración autonómica ten previsto que a cifra de unidades de protección adquiridas directamente pola Xunta e repartidas aos concellos ascenda a finais desta semana a 685.000, en concreto, 472.000 guantes, 185.000 mascarillas, 12.000 traxes e 16.000 batas.

Os criterios de reparto están consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e realízanse en base a criterios obxectivos tendo en conta a poboación, o número de casos positivos, o número de efectivos de Policía, o número de voluntarios de Protección Civil, e o número de horas do servizo de axuda no fogar.

Con esta medida, Goberno galego pretende dotar do equipamento necesario ás entidades locais para que o persoal dos servizos municipais involucrados na loita contra a expansión do coronavirus e que seguen a traballar como é o caso de Protección Civil ou os servizos de axuda no fogar para que conten co material de protección que precisan.
 

Imaxes relacionadas