A conselleira Ethel Vázquez mantivo esta mañá unha reunión, por videoconferencia, con Ramón Alonso, presidente de Fegatramer, na que analizaron a orde ministerial publicada hoxe no BOE con efectos no sector

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aborda coa Federación Galega de Transportes de Mercadorías o avance nas medidas destinadas a facilitar a súa actividade

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade pídelle aos transportistas que verifiquen que o listado de aloxamentos turísticos autorizado para servir aos servizos esenciais se adapta ás súas necesidades

Comprométese a traballar para que se axilice no posible a distribución entre estes profesionais dos elementos de protección e hixiene comprometidos polo Ministerio de Transportes

Analizaranse as demandas de flexibilización nos pagamentos do sector de transportes de mercadorías que viron baixar a súa actividade como consecuencia do estado de alarma

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade abordou hoxe coa Federación Galega de Transportes de Mercadorías (Fegatramer) o avance nas medidas destinadas a facilitar a súa actividade, un servizo imprescindible para garantir que os produtos de primeira necesidade cheguen á xente no actual escenario de estado de alarma e emerxencia sanitaria polo COVID-19.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá un encontro, por videoconferencia, con Ramón Alonso, presidente de Fegatramer, con quen analizou as novidades derivadas da orde ministerial publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) e que ten efectos na actividade do sector. Trátase dun documento que recolle parte das demandas trasladadas onte unanimemente polas autonomías na Conferencia sectorial de Transportes celebrada co ministro José Luis Ábalos.

Na xuntanza de onte, a Xunta de Galicia trasladoulle ao Ministerio de Transportes a necesidade de articular medidas para asegurar o acceso por parte dos profesionais do sector a aseos e baños en boas condicións, así como zonas de aprovisionamento de comida e lugares onde poder aloxarse.

A orde publicada hoxe no BOE declara servizos esenciais determinados aloxamentos turísticos para permitir o aloxamento dos traballadores que están a realizar actividades esenciais, como é o caso dos profesionais do transporte de mercadorías.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade pediulle ao presidente de Fegatramer que o sector analice o listado de aloxamentos incluídos para verificar que responde axeitadamente ás necesidades dos transportistas galegos ou se cómpre modificar ou completar esa relación.

Ethel Vázquez tamén lle trasladou ao presidente de Fegatramer a unanimidade das comunidades na petición ao Ministerio de que se estableza un protocolo sobre o uso e distribución de mascarillas e dos elementos de protección e hixiene necesarios entre os profesionais do sector de cara a evitar e minimizar os posibles contaxios.

Nese sentido, comprometeuse a traballar para intentar que se axilice na medida do posible a distribución entre os profesionais dos elementos de protección e hixiene comprometidos polo Ministerio de Transportes.

Por outra banda, na reunión desta mañá o presidente de Fegatramer trasladou a necesidade de adoptar medidas para aliviar a carga financeira daqueles profesionais do sector de transportes de mercadorías que viron baixar moito a súa actividade como consecuencia das restricións establecidas polo estado de alarma. A conselleira tomou nota da solicitude e asegurou que será analizada.

Imaxes relacionadas