A Xunta reforza os servizos de autobús entre Sarria e Lugo para facilitar os desprazamentos dos traballadores do Hospital Lucus Augusti

A nova frecuencia, xa dispoñible de luns a venres, terá saída ás 14.10 horas e chegada ao Hula ás 14.45h, o regreso, en sentido contrario, está previsto ás 22.20h e chegada ás 22.50 horas

Cómpre lembrar que, no relativo ao transporte público interurbano de viaxeiros en Galicia, están en vigor as medidas preventivas como consecuencia da alerta sanitaria provocada polo Covid-19

Lugo, 24 de marzo de 2020

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade vén de reforzar, desde hoxe mesmo os servizos de autobús quen unen a localidade de Sarria e a cidade de Lugo, para facilitar os desprazamentos dos traballadores do Hospital Lucus Augusti.

En concreto, incorpórase unha nova frecuencia, dispoñible de luns a venres, que terá saída ás 14.10 horas e chegada ao Hula ás 14.45h. O regreso, en sentido contrario, está previsto ás 22.20h e chegada ás 22.50 horas.

Deste xeito Sarria e o Hula estarán conectados con 5 frecuencias de ida e 5 frecuencias de volta. A liña inclúe todas as paradas intermedias do itinerario habitual, en particular, na Pobra de San Xiao e en once parroquias dos municipios de Sarria, Láncara e Lugo.

Este reforzo ten carácter provisional e, polo tanto, prolongarase durante a situación de emerxencia sanitaria. Xunta e empresa concesionaria –Monbus- pretenden dar resposta ás necesidades de mobilidade de entorno a medio cento de profesionais do hospital que traballan na quenda de tarde, malia que poden usar este autocar os cidadáns autorizados a realizar desprazamentos vinculados ás actividades expresamente previstas na normativa vixente.

Medidas excepcionais no transporte público de viaxeiros

Cómpre lembrar que, no relativo ao transporte público interurbano de viaxeiros en Galicia, están en vigor as medidas acordadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Centro de Coordinación Operativo da Xunta en relación co COVID-19.

O obxectivo destas medidas excepcionais é fomentar a diminución na mobilidade da poboación, sen prexuízo de manter un mínimo de servizos que facilite a mobilidade daqueles cidadáns que deban desprazarse, por razóns laborais ou outras, tendo en conta as normas de prevención establecidas.

Entre outras, a Xunta acordou a redución de polo menos o 50% a oferta de servizos de transporte público regular interurbano e a oferta de prazas nos vehículos quedou reducida a 1/3 da capacidade dos vehículos, garantindo que non se ocupe máis dun asento por fila nin asentos contiguos da mesma fila.