A Xunta comezará a instalar biombos de metacrilato nos rexistros civís dos partidos xudiciais galegos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe por videoconferencia na comisión de seguimento do coronavirus do TSXG, onde se acordou tamén modificar os servizos mínimos para reducir o persoal da Administración de Xustiza que está a traballar de forma presencial

O Goberno galego repartirá unhas 700 mascarillas ao persoal das gardas, dos servizos comúns de notificacións e embargos, xulgados de paz, servizos de atención á vítima e rexistros civís
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe durante a segunda reunión por videoconferencia da comisión de seguimento da crisis sanitaria do coronavirus do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que o Goberno galego levará a cabo ao longo desta semana a instalación de biombos de metacrilato nos rexistros civís dos partidos xudiciais da nosa comunidade co obxectivo de evitar o contacto entre traballadores e usuarios.

Durante o encontro, no que tamén participou o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, a Xunta anunciou ademais que desde mañá se repartirán unhas 700 mascarillas lavables e confeccionadas en Galicia destinadas ao persoal destinado ás gardas, servizos comúns de notificacións e embargos, xulgados de paz, servizos de atención á vítima e rexistros civís. Este material únese aos guantes e ao xel hidroalcohólico que o Goberno galego xa está a distribuír en tódolos servizos con atención ao público como é o caso tamén dos xulgados.

Por outra parte, a Administración autonómica modificará os servizos esenciais nos xulgados e tribunais galegos debido á evolución do COVID-19. Así, a Xunta reducirá o número de funcionarios da Administración de Xustiza que ata agora estaban a cubrir estes servizos mínimos de forma presencial para atender as dilixencias urxentes, tal e como se acordou hoxe na comisión de seguimento.

Redución de persoal funcionario

Desde a entrada en vigor da orde, cuxa publicación está prevista para hoxe, os xulgados de garda atenderán as causas con preso doutros xulgados de instrución ou mixtos dese partido xudicial, polo que xa non será preciso a presenza de ningún funcionario nestes órganos.

Nos xulgados de Violencia sobre a Muller especializados en cada partido xudicial manterase un funcionario debido á urxencia e singularidade dos casos que atenden. Do mesmo xeito, nos xulgados exclusivos nesta materia tanto na Coruña como en Vigo, tamén seguirán traballando de forma presencial os tres funcionarios que xa o viñan facendo ata agora.

No resto das xurisdicións o persoal funcionario redúcese, de tal forma que nos xulgados do Penal, haberá un por cada dúas fraccións e un auxilio para todos eles; nos do contencioso-administrativo, Primeira instancia e Social haberá dous traballadores en cada xurisdición; mentres que nos especializados en Dereito de Familia acudirá un para todos os desta categoría en cada partido xudicial.

Por outra banda, nos rexistros civís exclusivos da Coruña e Vigo continuará o persoal actual pero serán un menos no corpo de auxilio, ao mesmo tempo que se reforzará cun funcionario de tramitación ou xestión máis para poder axilizar as licenzas de enterramento. A redución de persoal dos servizos mínimos levarase a cabo na medida do posible tamén nas Audiencias Provinciais.

Na comisión de seguimento de hoxe púxose de manifesto ademais que nin o Goberno galego nin o TSXG teñen constancia de ningún caso positivo de COVID-19 entre os profesionais de Xustiza en Galicia.
 

Imaxes relacionadas