Galicia rexistra un total de 1.374 casos infectados por coronavirus
Un total de 19 persoas xa foron dadas de alta
O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 1.374, deles 359 son da área da Coruña, 97 da de Lugo, 152 da de Ourense, 179 da de Pontevedra, 312 da área de Vigo, 239 da de Santiago, e 36 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 54 permanecen en UCI, 337 están en unidades de hospitalización e 983 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 19 altas de pacientes e 22 falecementos. Os últimos falecidos eran un varón de 83 anos, que estaba ingresado no Hospital da Mariña, e que tiña patoloxías previas; e outro varón, de 61 anos, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e tamén tiña patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 6.741.
Seguindo instrucións do protocolo de comunicación do Ministerio de Sanidade, só se actualizarán os datos unha vez ao día.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.