A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e o director da Axencia Galega de Infraestruturas mantiveron esta mañá unha nova reunión, por videoconferencia, co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aborda coa Federación Galega da Construción a evolución da situación nas obras públicas na comunidade autónoma

Comparten a necesidade de cumprir estritamente os protocolos sanitarios establecidos para evitar contaxios nesta actividade, que se mantén de acordo co Real Decreto que establece o estado de alarma e a Instrución aprobada pola Xunta

O sector asegura que as empresas están a implementar rigorosamente as medidas establecidas e adoptou outras adicionais, como a redución das xornadas e dos equipos de traballo e a regulación do acceso ás casetas de obra

O presidente da Federación Galega da Construción traslada a vontade maioritaria do sector de manter a actividade coas medidas preventivas axeitadas para minimizar o impacto económico e garantir a continuidade do emprego

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade abordou hoxe coa Federación Galega da Construción a evolución da situación nas obras públicas da Comunidade Autónoma no actual contexto de estado de alerta e emerxencia sanitaria. A titular do departamento, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron unha nova xuntanza, por videoconferencia, co presidente da entidade, Diego Vázquez Reino.

A construción de obras públicas é unha actividade non afectada polas medidas restritivas previstas no Real Decreto que declara o estado de alarma e se mantén maioritariamente activo en Galicia, de acordo coa instrución aprobada pola Xunta de Galicia en relación coas actuacións deste tipo dependentes da administración autonómica.

Tendo en conta isto, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a Federación Galega da Construción comparten a necesidade de que esta actividade se desenvolva aplicando de forma estrita as medidas de prevención e os protocolos sanitarios establecidos.

Nese sentido, o sector asegurou que as empresas están a implementar rigorosamente as medidas establecidas e que se adoptaron outras adicionais, como a redución das xornadas e dos equipos de traballo, así como a regulación do acceso ás casetas de obra.

O presidente da Federación Galega da Construción traslada a vontade maioritaria do sector de manter a actividade coas medidas preventivas axeitadas para minimizar o impacto económico e garantir a continuidade do emprego.

Imaxes relacionadas