O Sergas estende aos hospitais comarcais o sistema de realización das probas de coronavirus dende o coche

Iniciouse hoxe no Hospital da Barbanza, próximamente comezará nos Hospitais da Mariña e Monforte e mañá iniciarase no Hospital do Barco de Valdeorras

Realizáronse un total de 955 probas dende a posta en marcha deste sistema a pasada semana

O test require de autorización médica e debe solicitarse cita previa

Con esta medida trátase de complementar e axilizar o sistema de recollidas de mostras a domicilio, que ven incrementando a súa demanda nos últimos días

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2020

Os hospitais comarcais da rede do Servizo Galego de Saúde, en concreto os hospitais da Barbanza, Burela, Monforte e Valdeorras poñen en marcha o sistema para realizar as probas do coronavirus aos pacientes desde os seus propios vehículos sen que teñan que baixarse deles.

Na actualidade xa funciona tamén nos hospitais de Vigo, Ourense, Lugo, Coruña, Pontevedra, Santiago e Ferrol. En total, en todos os puntos de mostraxe dende o inicio desta medida a pasada semana realizáronse 955 probas a pacientes dende os seus vehículos.

O hospital da Barbanza xa ten operativo hoxe un punto fixo de toma de mostras para recoller dende os vehículos, nos Hospitais da Mariña e Monforte comezará proximamente, e o Hospital do Barco de Valdeorras iniciará a recollida de mostras dende o coche a partir de mañá. O Sergas planifica a ampliación deste servizo en próximos días aos hospitais comarcais de Verín e Salnés en función da demanda.

Este sistema só se lle realizará ás persoas que teñan prescripción facultativa e cita previa. O facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios establecidos nos protocolos e quedará rexistrada na historia clínica electrónica do paciente. Con esta medida trátase de complementar e axilizar o sistema de recollidas de mostras a domicilio, que ven incrementando a súa demanda nos últimos días.

O novo sistema, coordinado e priorizado polo servizo de Medicina Preventiva dos hospitais, permite axilizar tempos xa que posibilitan que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos equipos de protección individual (EPI) xa que mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI,os profesionais van utilizar un só equipo por quenda de traballo, sen necesidade de cambiarse con cada paciente.