O teléfono de atención e información á cidadanía 012 rexistrou máis de 2.500 chamadas en dous días

Na mañá de hoxe ingresaron máis dun milleiro de chamadas que se suman ás 1.560 recibidas na xornada de onte

O servizo continúa a reforzarse e hoxe incrementouse nun 30% cunha reasignación de recursos
 

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2020

O teléfono de Atención e Información á Cidadanía -012- canaliza, con carácter xeral, a atención á cidadanía desde que en Galicia se decretou a emerxencia sanitaria como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19. Entre o luns e a mañá de hoxe este número recibiu máis de 2.500 chamadas, entre as 1.015 rexistradas entre as 08,30 e as 14,30 horas de hoxe, e as 1.560 ingresadas na mesma franxa horaria do día de onte.

O servizo de Atención e Información á Cidadanía vén reforzándose nos últimos días para dar resposta ao aumento do volume de chamadas. Así, hoxe mesmo incrementouse a dotación de recursos, en concreto en máis dun 30%, a través da reasignación de traballadores doutras áreas.

Os cidadáns poden contactar con este servizo a través do teléfono 012 (981 900 643 para chamadas realizadas desde fóra da comunidade autónoma) ou do correo electrónico 012@xunta.gal, para asesorarse e recibir información sobre os servizos prestados pola comunidade autónoma.

No 012 estánse a atender dúbidas relacionadas coas restriccións e as medidas adoptadas para frear o avance do coronavirus. Neste número teñense rexistrado nos últimos días consultas sobre os establecementos aos que se lles permite estar abertos ao público, a necesidade de certificacións para xustificar os desprazamentos, así como chamadas relacionadas coa suspensión dos prazos e trámites dos procedementos das entidades co sector público.

Imaxes relacionadas