A Xunta publica no DOG a ampliación do orzamento dos incentivos á compra de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos, cun investimento de 602.000 euros

A Xunta aumenta a última convocatoria e pon a disposición do sector un total de 952.000 euros en axudas, tras recibir 179 solicitudes e superar o orzamento inicial dispoñible de 350.000 euros

As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida

O prazo de presentación de solicitudes continúa aberto ata o vindeiro 30 de xuño

A Xunta leva investido 1,6 millóns de euros desde 2016 nestes incentivos, que xa facilitaron a compra de 160 taxis adaptados á mobilidade reducida

Estas medidas teñen como obxectivos incrementar a competitividade dun sector do que dependen case 4.000 familias galegas, facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e fomentar unha mobilidade menos contaminante

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario de Oficial de Galicia a orde pola que se amplía o crédito para a concesión de incentivos ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e de baixas ou cero emisións, cun orzamento de 602.000 euros.
Coa ampliación da convocatoria publicada no DOG do pasado 22 de xaneiro, dotada dun importe de 350.000 euros, a Xunta pon a disposición deste colectivo unha partida dun total de 952.000 euros.
No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/2WbTgDN.
En base a esta convocatoria de xaneiro, a Dirección Xeral de Mobilidade xa ten recibido 179 solicitudes de subvencións, superándose o número para o que existe cobertura orzamentaria.
Para responder á demanda, o Consello da Xunta aprobou onte incrementar o investimento co obxectivo de atender ás necesidades reais dos profesionais do taxi e facilitarlles a adquisición deste tipo de vehículos.
As subvencións son de ata 4.000 euros para os taxis de baixas emisións, 6.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.
Unha vez efectuada esta ampliación de crédito, a iniciativa da Xunta permitirá atender 32 solicitudes de axudas para vehículos adaptados á mobilidade reducida, 128 para taxis ECO e 20 para coches de cero emisións.
O prazo de presentación de solicitudes continúa aberto, ata o vindeiro 30 de xuño, nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria destas axudas.

A Xunta leva catro anos consecutivos, desde 2016, poñendo ao servizo do sector do taxi estes incentivos para a adquisición de vehículos adaptados. Nestas subvencións, nas que a administración autonómica leva investido 1,6 millóns de euros, xa facilitaron a compra de 160 taxis para o transporte de persoas con mobilidade reducida.

Estas medidas teñen como obxectivos incrementar a competitividade deste sector do que dependen case 4.000 familias galegas, pero tamén de facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e contribuír ao medio ambiente, fomentando unha mobilidade menos contaminante.