A Xunta licita a redacción dos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal da rede de estradas autonómicas para os vindeiros anos

Este traballo dispón dun orzamento de máis de 65.000 euros e as empresas interesadas dispoñen ata o vindeiro día 26 de marzo para presentar as súas ofertas

Trátase de definir os 7 pregos, un para cada zona da rede viaria de titularidade da Xunta, polos que se rexerán os novos contratos para a prestación destes servizos

Realizarase a actualización da rede de estrada que é necesario atender, e que a día de hoxe acada unha lonxitude total de 5.539 km, repartidos en 494 estradas

Estudaranse os medios para cumprir o acordo do Parlamento de Galicia de redución progresiva de herbicidas no control da biomasa nos marxes das vías

Analizaranse as posibles melloras que se poidan implementar sobre os contratos existentes, e terán que determinar os medios materias a destinar aos contratos

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar a redacción dos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal da rede autonómica de estradas de Galicia para os vindeiros anos, por un importe de máis de 65.000 euros.
Trátase de definir os sete pregos técnicos, un para cada zona da rede de estradas de titularidade da Xunta, que rexerán as condicións dos novos contratos destes servizos.
As empresas interesadas neste contrato, que dispón dun prazo de execución de 4 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o 26 deste mes.
O obxectivo deste contrato é dar un servizo axeitado para manter nun bo estado as vías de titularidade autonómica, un dos traballos prioritarios para o departamento de Infraestruturas da Xunta.
Baixo este contrato, deberá analizarse a actualización da rede de estradas que é necesario atender, considerando as últimas vías postas en servizo ou os treitos cuxa titularidade teña mudado de titularidade, entre outros aspectos. A día de hoxe a lonxitude total da rede autonómica achégase aos 5.539 km, repartidos en 494 estradas.
Terán que considerarse tamén os medios necesarios para cumprir o acordo do Parlamento de Galicia que busca unha redución progresiva do uso de herbicidas para control da biomasa nos marxes das estradas.
Así mesmo, deberán analizarse as posibles melloras que se poidan implementar sobre os contratos existentes, en base a experiencias doutras administracións titulares de estradas.
Tamén terán que determinar os medios materias que será necesario destinar aos contratos.
Cómpre lembrar que estas tarefas realízanse actualmente a través de sete contratos de asistencia, licitados no seu día por 116,25 millóns de euros. Os contratos estarán vixentes ata o final do verán do vindeiro ano 2021, polo que deberán ser novamente licitados entre finais deste ano e principios do 2021.