Sanidade suspende as prácticas realizadas por alumnado de graos de ciencias da saúde ou ciclos formativos en calquera centro sanitario de Galicia por 14 días

Actualmente hai confirmados en Galicia un total de 29 casos positivos e outros 15 están pendentes de confirmación por parte do Centro Nacional de Microbioloxía

22 son da área da Coruña, 1 na de Lugo, 1 na de Ourense, 1 na de Pontevedra e 4 na área de Vigo

Entre as medidas acordadas, que estarán en vigor os vindeiros 14 días, tamén se decidiu que a celebración de eventos deportivos se realicen a porta pechada

Almuiña pide que a partir de agora se empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella á cidadanía empregar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus

Ademais, Sanidade potenciará as consultas telefónicas tanto en atención primaria como en especializada

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, avanzou esta tarde máis medidas adoptadas en Galicia no marco das actuacións centradas na prevención para conter o contaxio do COVID-19. Así, destacou a supresión das prácticas que se realicen en calquera centro sanitario de Galicia por parte de alumnado procedente de graos de ciencias da saúde ou titulacións de ciclo formativo.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na actualidade, o número de casos confirmados de coronavirus en Galicia polo Centro Nacional de Microbioloxía ascende a 29, deles 22 son da área da Coruña, 1 na de Lugo, 1 na de Ourense, 1 na de Pontevedra e 4 na área de Vigo. Así mesmo, están pendentes de confirmación polo Centro Nacional de Microbioloxía un total de 15 pacientes.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe en rolda de prensa que Galicia continúa cunha das taxas máis baixas de casos confirmados con 1,06 casos por 100.000 habitantes.

Medidas para a contención do COVID-19 nos vindeiros 15 días

No marco das celebracións que se están a realizar con diferentes sectores, e co obxectivo de establecer actuacións centradas na prevención para conter o contaxio do COVID-19, a Xunta tamén acordou, de cara aos vindeiros 15 días, a celebración das actividades deportivas a porta pechada e a supresión do programa Xogade; así mesmo, dependerá de cada Federación a suspensión de partidos ou outros eventos que consideren.

A esta medida súmase a actuación xa anunciada onte de limitar o aforo a 1.000 persoas en eventos culturais, deportivos, sociais ou similares que se celebren en recintos pechados; e limitar o aforo ata 3.000 en recintos abertos.

Almuiña tamén destacou que durante os vindeiros 15 días, potenciarase dende todas as áreas sanitarias as consultas telefónicas tanto en atención primaria como en especializada para diminuír afluencia aos centros sanitarios. O obxectivo é dobre, así dunha banda preténdese mobilizar o menos posible aos pacientes crónicos, revisando por parte das xerencias que paciente pode ser consultado telefonicamente ou cal debe acudir ao centro sanitario, e doutra banda diminuír a asistencia aos centros sanitarios para evitar contaxios e exposición ao virus.

061 para emerxencias e casos graves

Almuiña solicitou que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella empregar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

A Consellería de Sanidade ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que está sendo reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Imaxes relacionadas