A Xunta adxudica a construción dun novo colector de augas residuais na parroquia de Trasariz, en Cenlle, para mellorar o sistema de saneamento
Estas actuacións, adxudicadas por case 33.000 euros, teñen un prazo de execución de tres meses
O novo colector substituirá a actual infraestrutura, que presenta deficiencias que impiden o seu correcto funcionamento
Proxéctase a construción dun marco para o desaugue de augas pluviais e dun pequeno embarcadoiro no lugar tradicionalmente usado por embarcacións fluviais
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras de construción dun novo colector de augas residuais na parroquia de Trasariz, no Concello de Cenlle, para mellorar o sistema de saneamento.
Estas actuacións, adxudicadas á empresa Construcciones Almacenes Manuel Viso e Hijos S.L. por un investimento de case 33.000 euros, teñen un prazo de execución de tres meses.
O proxecto ten como obxectivo acometer outro colector novo para substituír a actual infraestrutura, que presenta deficiencias que impiden o seu correcto funcionamento.
A intervención inclúe a restauración ambiental na zona final do colector existente, na contorna do sistema de depuración.
Entre os traballos contemplados, proxéctase a construción dun marco para permitir o desaugue das augas pluviais e a instalación dun pequeno embarcadoiro no lugar que tradicionalmente foi utilizado para o uso de embarcacións fluviais.
A Xunta continúa a colaborar cos concellos galegos para resolver carencias en materia de infraestruturas hidráulicas e proporcionar uns sistemas de saneamento e abastecemento axeitados ás necesidades reais dos cidadáns.