Política Social pon o acento no traballo da asociación Prodeme en favor da integración das persoas con discapacidade intelectual

Defendeu a necesidade de avanzar na coordinación entre Xunta e entidades para que todas as persoas teñan a posibilidade de desenvolver os seus proxectos de vida

Monforte de Lemos (Lugo), 10 de marzo de 2020

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou o importante labor pola integración entidades como Prodeme, centrada na atención ás persoas con discapacidade intelectual e aos seus familiares. Díxoo esta mañá durante a visita a esta asociación en Monforte de Lemos, onde ten en servizo un centro residencial, vivendas tuteladas e un centro ocupacional.

Ildefonso de la Campa sinalou que na axenda pública de Galicia seguirá a ter prioridade a mellora do benestar das persoas con discapacidade, para o que defendeu a necesidade de avanzar na coordinación coas entidades que traballan neste ámbito. Neste sentido, apuntou que Xunta e entidades comparten o obxectivo de axudar a que estas persoas desenvolvan os seus proxectos de vida.

O director xeral indicou que os servizos que presta Prodeme, que contan co apoio da Xunta, son fundamentais para promover a autonomía das persoas na súa contorna familiar e social, así como no mundo laboral.